Archivo de la categoría: Sin categoría

Hai cen anos: Tregua de Nadal

Christmas_Truce_1914En breve celebraremos o centenario da chamada Tregua de Nadal, un alto -breve e informal- na I Primeira Guerra Mundial no que os soldados dos dous bandos compartiron comida, oracións e sentimentos.

Non foi en todas as frontes, nen ao mesmo tempo; algúns mesmo xogaron tamén un partidiño de futbol. En ningún caso tiveron autorización dos altos mandos, desconfiados do resultado da confraternización.

Este foi, sen dúbida, un deses episodios que amosan o lado humano dos conflictos bélicos. Esta guerra, que ía a ser a máis rápida, é tan próxima a nos -no tempo e na mentalidade- que conservamos moitísimos testemuños non só dos mandamases senón tamén dos soldados e dos civís e é doado comprender o seu medo, cansanzo, morriña…

Con motivo do centenario, un senfín de proxectos nos axudan a achegarmonos a aquela guerra e ao seu tempo. Podedes aproveitar estes días para curiosear neles: tendes filmes recuperados, cartas (en vista panorámica ou mesmo a recompilación completa das que pertencen a un só soldado) ou fotos.

E, por suposto, a sempre panorámica pero completísima Wikipedia, mais completa en inglés; e o magnifico site dos arquivos públicos británicos con todo tipo de materiais e o da Biblioteca Virtual Europea (Europeana) con achegas de moitos paises.

Finalmente, e ao fío de como un acontecemento histórico pode usarse para empoderar unha marca comercial, deixamosvos con este anuncio, premiado como o mellor do ano no UK.

Bo Nadal a todos e todas e os nosos mellores augurios para o 2015

O centenario da aparición do Pergamiño Vindel

En 1914 tivo lugar un achado que revolucionou os coñecementos sobre a lírica medieval galego-portuguesa. Pedro Vindel, libreiro, atopou nun vello exemplar dunha obra de Cicerón un pergamiño que acabaría levando o seu nome.

O Pergamiño Vindel contiña un cancioneiro do poeta galego Martín Códax e, o que é máis relevante, a música que acompaña a 6 das sete pezas que recolle. Por vez primeira, quedou probado que as nosa lírica profana naceu para ser acompañada por música, máis para ser interpretada ante un público que para ser lida no recollemento individual.

Foi un descubrimento capital que inseriu esa poesía nun contexto diferente; a súa sonoridade, ritmo, a lingua mesma, teñen un novo significado sobre o que os investigadores reflexionaron e traballaron durante este século.

A obra do xograr Martín Códax está indisolublemente unida a Vigo, que era un lugar aínda pequeno pero que comezaba a agromar; a hoxe cidade é o pano de fondo das inquedanzas da moza enamorada, o escenario dos santuarios aos que acode, o espazo deses bailes que doadamente imaxinamos ao ler as cantigas (por exemplo, a sexta), o mar que a acompaña mentres agarda.

A Noite Branca que se celebra en Vigo este 8 e 9 de agosto, terá como lema e obxectivo, precisamente achegar á cidadanía o Pergamiño Vindel, o Vigo Medieval e a figura de Martín Códax. Si, o centenario do achado é unha oportunidade excepcional para revisitar o pergamiño e o poeta que fixeron universal a lírica profana galega.

Aquí podedes descargar o pdf do folleto sobre o evento, que contén todos os textos.

Desafío 10 anos dehistoria. Eres quen?

 

Nunhas semanas dehistoria cumprirá 10 anos, nese tempo aprendimos moitas cousas e axudamos a moitas persoas e entidades a xerar recursos, riqueza ou lazos afectivos co pasado. Tamén aprendimos que moitos dos nosos clientes e amizades son xente con curiosidade, con interese por mellor coñecer a historia da súa familia, do seu pobo ou do mundo en xeral, os grandes feitos -que na teoría aprenderon na escola- e as cousas miúdas.

Por isto e aínda que non queremos competir coa Wikipedia -da que, por certo, somos doantes- temos para todos e todas vos unha proposta especial para celebrar o noso 10 aniversario.

Tiña que ser algo especial, xa que agora non teremos dedos para contar a nosa propia historia, asi que queremos propoñervos un dobre desafío que se desenvolverá na nosa páxina en Facebook desde hoxe e durante todo o mes de xuño:

♦ Para nos: desde hoxe e durante todo o mes de xuño abriremos totalmente as nosas portas e sacaremos todas as nosas ferramentas para respostar aquelas dúbidas históricas que non vos atrevedes a facernos directamente pero que xurden de cando en vez nas conversas de café. Só hai un límite: o rigor científico; así que nos respostaremos ata onde o noso coñecemento, habilidades e seguridade metodolóxica o permitan. Non se trata de poñer a proba a nosa profesionalidade senón de calmar, na medida do posible, a vosa sede de coñecemento 😉

♦ Para vos: cada certo tempo, propoñeremosvos unha adiviña que deberedes solucionar.

Haberá premios, claro que si:

♦ As mellores preguntas -no sentido de curiosas, imprescindibles para a vida moderna, etc- merecerán un artigo na nosa web.

♦ A primeira resposta acertada dos desafíos que vos propoñemos, recibirá un exemplar dun dos nosos best-sellers.

♦Todas as persoas que participen entrarán no sorteo dun vinito español (galego ou internacional, se preferides)

Por suposto, quedades convidadas a compartir o desafío con colegas e amizades, facer equipos, etc.

Grazas por estes dez anos e moita sorte!

Hildegard von Bingen

Neste mes dedicado ás mulleres queremos achegarvos á persoalidade dunha muller medieval á que a Igrexa recoñecerá en breve os seus méritos. É Hildegard von Bingen, monxa, escritora, médica, música…
Viviu entre os séculos XI e XII, no que hoxe chamamos Alemania; a maior parte da súa vida desenvolveuse entre as paredes dun mosteiro pero o certo e que esta reclusión non foi obstáculo para desenvolver unha existencia rica en experiencias e sabedoría.
No seu tempo foi coñecida pola súa vida de santidade, por diversas visións proféticas e polas súas dotes de predicadora asi que non é de estranar que ao pouco de morrer se iniciara un proceso para a súa canonización (1227) que non concluíu oficialmente ata 1940.
Deixounos unha morea de obras literarias, teolóxicas, científicas e un cumprido repertorio de composicións musicais. Vista cos nosos ollos, posiblemente a máis singular sexa «Lingua Ignota», un tratadiño no que desenvolve un alfabeto e língua artificial.
A súa elevación á categoría de Doutora da Igrexa -que terá lugar no outono deste ano- non é algo baladí, por canto supón un recoñecemento á súa traxectoria vital, á súa altura intelectual e á aportación que ás mulleres fixeron á construción da historia común europea.
Se queredes adentrarvos na súa biografía, recomendamos a lectura do artigo sobre ela da Wikipedia, onde tamén atoparedes pistas de audio das súas composicións musicais ou a visita a este clip coa súa música e unha antoloxía de imaxes.

E máis algunha receita

Non deixa de ser curioso que o aniversario de Cunqueiro sexa tan preto do Nadal, o momento do ano no que desde sempre se pon máis atención na gastronomía para buscar sobre todo unha volta aos sabores de toda a vida, aqueles que nesas datas gozaron os nosos avós.

A historia da nosa literatura gastronómica, aquela da que deberíamos botar man para confeccionar esas receitas de onte e de hoxe, ten outro referente. Trátase de Manuel María Parga y Puga, máis coñecido como Picadillo . Nestas datas convén lembrar o seu tratado para cociñar o bacallao, por canto a Noiteboa é cea de vixilia pero hoxe imos prestar atención a unha receita especifica do nadal: A Sopa de Pan de Navidad, recollida na súa Cociña práctica:

Guarda la grasa en que se asaron los capones y guarda también los panecillos que te hayan quedado de reserva.

Al día siguiente pon a derretir la grasa en una tartera y dora en ella finas rodajas del pan reservado; cubrelas con una prudente cantidad de caldo; deja que cueza y, cuando esté, pones la tartera en el horno para que se reduzca el líquido.

Bo nadal a todos e todas e Bon appetit!