Loading images...

Archivo de la categoría ‘Alimentos tradicionais’

Boa Pascua!

roscas de pascua das madriñas

Agora que vimos de gozar da tradicional rosca de Pascua, convén facer unha pequena homenaxe a este doce tan saboroso. É en si mesmo todo un agasallo da nosa máis antiga historia gastronómica.

Na teoría, é algo sinxelo de facer pois é unha masa de ovos, fariña, manteiga, fermento, azucre, unha chisca de sal e esencia de anís; na práctica é froito dun proceso laborioso que comeza semanas antes da fornada, xa que as roscas de verdade fanse con ovos e manteiga da casa. Os primeiros só necesitan ser recollidos e gardados pero a manteiga (tamén chamada manteca) hai que facela a partir da tona do leite.

Antes e agora, as madriñas pensan nas roscas con tempo de antelación. Segundo o número de afillados é que se estima a cantidade de fariña a amasar, que non é doada de amasar xa que en realidade trabállanse con ela todos os outros ingredientes. E hai que deixala levedar, e logo hai que estirar as roscas (ou os trenzados) e novamente agardar a que veñan (suban). Finalmente, lústranse con ovo batido e se adornan con froitas e azucre húmido, xa cando van para o forno.

Era costume cocer as roscas no forno da casa pero alí onde era posible tamén se cocía no forno do panadeiro/a xa que polo seu maior tamaño permitía apurar o proceso. Porque cun procedemento laborioso coma este case tanto ten amasar un kilo que catro: é necesario moito tempo e unhas condicións ambientais que garantan un correcto desenvolvemento da masa.

Como non sempre era posible amasar no forno, moitas madriñas amasaban na casa (había quen metía a masa na cama para que non perdera calor) e logo ían a estirala ao no forno, onde levaban a cabo todas as outras operacións. Era unha xornada especial, de traballo, consellos, moita charla e bastante apuro porque unha vez que as roscas veñen para arriba hai que preparalas e cocelas para que non se estrague todo o esforzo. E nesto, os fornos grandes de pan eran unha vantaxe a ter moi en conta!

O resultado: rúas e camiños que arrecendían a rosca e anís, mulleres fachendosas do seu esforzo e nenos e nenas que devecían pola súa peza.

As roscas teñen a súa orixe remota nas regueifas e pans doces que xa citan os nosos documentos medievais, as que deron orixe aos cantos de regueifa e que tan fondamente se vinculan á Pascua e aos casamentos.

Antes dos froitos confeitados viñan adornadas con ovos -sino cristián da resurección e da nova vida-. Con eles as madriñas desexaban aos afillados e afilladas (cada ano e no día do casamento) unha vida venturosa.

Facelas, regalalas e degustalas é unha homenaxe a esa antiga tradición e ás mulleres que a construíron.

Boa Pascua!

 

I.X.P. TARTA DE SANTIAGO

A Tarta de Santiago encamiñase á súa definitiva configuración como Indicación Xeográfica Protexida ao comezar o proceso de constitución do Consello Regulador. A obtención deste distintivo de calidade é froito dun longo esforzo dos produtores, que quixeron conservar este doce tradicional e protexer a súa receita histórica.
O informe histórico preparado por dehistoria foi un dos puntais deste proxecto ao explicar porqué un doce de aparencia tan exótica non só está unido firmemente á nosa dozaría máis tradicional senón que está nas nosas mesas desde hai séculos.
A presentación oficial da Indicación Xeográfica tivo lugar no Forum Gastronómico Santiago 2010 nun acto no que estiveron presentes produtores, autoridades e cociñeiros de sona internacional.

UNHA HISTORIA CERTAMENTE DOCE

A acollida do noso estudo sobre a dozaría tradicional galega esta sendo moi boa. Sen dúbida o tema merece os comentarios que lle dedicaron culturagalega ou Galiciagastronómica. O título “O Libro de cabeceira dos larpeiros” que lle asignan os de Vieiros é acertado aínda que se cadra vai mellor coa obra de Fina Casalderrey e Mariano García, ou mesmo cos consellos de Miguel Vila en Colineta. Un saúdo agradecido a todos.

Sabores tradicionais: o pan de Carral

carralDe entre os moitos pans tradicionais de Galicia, o de Carral, sen dúbida é dos máis coñecidos. Ten sona polo seu sabor e calidade pero tamén porque existe case desde sempre.
En efecto, tal e como vimos a saber ó longo da nosa investigación, Carral e o Val do Barcia son terras nas que se cultiva o trigo desde sempre porque é moi axeitada para este froito. Na Idade Moderna, a proximidade da cidade da Coruña, favoreceu o desenvolvemento dunha modesta actividade de fabricación e venda do pan; os datos proporcionados polo Catastro de Ensenada (1753) non deixan lugar a dúbidas, moitas familias do Val do Barcia teñen na elaboración e venda de pan a garantía do seu sustento.
Pouco despois, son os propios coruñeses quen fomentan a entrada na cidade e, incluso a imitación, dos mellores pans que coñecen, o de Carral e o de Bergantiños, que son os preferidos do público en detrimento da produción local.
É precisamente esta conexión coa cidade coruñesa o que favoreceu o mantemento desta industria artesanal que aínda hoxe en día amasa e coce o seu pan seguindo as formas tradicionais. ¿porqué mudar?.
A súa constancia no sabor tradicional verase premiada, de seguro, coa obtención da Identificación Xeográfica Protexida.

Saberes e Sabores

saberesA semana pasada dehistoria participou no Congreso Saberes e Sabores que se celebrou na cidade de Chaves. Trátase dunha actividade organizada pola Consellería de Cultura e a Delegaçao Regional da Cultura do Norte dentro dunha serie de experiencias de intercambio e debate sobre diversos aspectos da nosa cultura común e, en concreto, do noso patrimonio inmaterial.
Neste caso, as comunicacións centráronse no conxunto de saberes, coñecementos e usos vencellados á gastronomía galega e portuguesa.
Como noutros aspectos da cultura tradicional, este é un legado compartido cos nosos veciños do sur, froito do saber acumulado de xeracións de xentes -sobre todo mulleres-. Partindo dos recursos máis próximos, construíron toda unha cultura gastronómica e alimenticia que ten un futuro dificil. É o noso desafío saber transmitilo e aproveitalo para construír futuro.
¡Quen ía decir que en algo tan cotián sería posible atopar tanta sabedoría acumulada!.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza Cookies propias e de terceiros para recompilar información coa finalidade de mellorar os nosos servizos. Si continua navegando, supón a aceptación da instalación das mesmas. O usuario ten a posibilidade de configurar o seu navegador podendo, si así o desexa, impedir que sexan instaladas no seu disco duro, aínda que deberá ter en conta que dita acción poderá ocasionar dificultades de navegación da páxina web. Política de cookies - Condicións de uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies