Archivo de la categoría: Alimentos tradicionais

A Tarta de Santiago

TartaA Asociación Galega de Reposteiros encargou a dehistoria a investigación sobre a orixe e historia da Tarta de Santiago para engadila ó expediente no que se solicitará para esta especialidade unha Identificación Xeográfica Protexida.
A Tarta de Santiago, ese doce elaborado con améndoas e coberto cunha fina capa de azúcre no que se deseña a cruz coñecida como de Santiago, parecía unha lambetada antiga e foi o noso cometido demostralo.
A nosa busca nos arquivos e bibliotecas da cidade deu excelentes resultados: podemos demostrar a súa existencia xa no século XIX aínda que, se cabe, poderíamos retrasala até o XVI. En efecto, xa nos banquetes e colacións da Universidade renacentista servíase un doce que entón chamaban “Tarta Real” e que, posiblemente, se elaboraba -segundo as receitas que hoxe coñecemos- con améndoa moída, azúcre e ovos que se mesturaban e cocían nun forno. ¿Sónavos?.
Aínda que pareza estrano, ó certo é que a améndoa era un produto de consumo habitual nas nosas terras desde a Baixa Idade Media pero só para os máis ricos. Compralo e consumilo era un síntoma de distinción social e por este motivo estaba presente nos doces e outros platos das mesas acomodadas nos días de festa. E por esta causa está tamén presente nas nosas lambetadas máis refinadas como a Torta de Mondoñedo, nos amendoados ou nalgunhas roscas.
Non hai, polo tanto, motivo algún que xustifique esa pretendida orixe foránea dos doces con améndoa e si moitas razóns históricas que explican a súa presencia na nosa alta repostería.