Archivo de la categoría: Publicacións

Noticias antigas do Entroido compostelán

Repescamos o texto dun artigo publicado na revista Compostelanea en febreiro de 2017 sobre o Entroido en Santiago hai un século (máis ou menos). Non perdades as fotos que o acompañan!

Compostela 1917: O Entroido

Hai un século, o Entroido ocupaba a vida da cidade durante case un mes, pois comezaba cando chegaban aos comercios os xéneros propios da festa: os tecidos para os disfraces e os “papeliños de cores” que se empregaban para facer máscaras e todo tipo de figuras. Ao tempo empezaban a prepararse as comparsas e o programa de bailes. Así quedaban marcadas as coordenadas da festa: disfraces, comparsas e alegría. As mesmas que hoxe en día seguen definíndoa.

O chuvioso tempo compostelá marcaba o ritmo e tensión das xornadas, sobre todo a principios do século XX, cando as formas de vida burguesas terminaron de adaptar a festa á sociabilidade urbana. É entón cando naceu o Entroido tal e como hoxe o coñecemos; un tempo -como di un autor da época- divertido e elegante.

No rural santiagués perduraron ata hoxe costumes máis arraigados á tradición rural como a destrución do Entroido feito con palla e roupa vella que podemos documentar en Aríns hai cen anos, o carro engalanado que se armaba en Santa Marta ou os atranques dos Xenerais das parroquias do Ulla.

Na cidade desenvolvíase un Entroido diferente con manifestacións xenuínas que estaban plenamente vixentes hai un século. Algunhas desapareceron, outras son doadamente identificables no programa actual.

A rúa era o principal escenario do Entroido santiagués. Polas vías principais paseaban, cantando coplas e chanceando coa xente, as comparsas. Estas agrupacións armábanse cada ano baixo nomes tan suxestivos como Los Caballeros de Malta, Los cirujanos del porvenir, Los alpinistas ou La Lira, que levaban acompañamento musical similar ás actuais rondallas ou máis tradicional (pandeireta, bombo e tamboril). Nelas participaban estudantes, mozos e mesmo grupos de nenos e nenas. Na rúa todo eran risas, humor do bo e balbordo, sendo o contrapunto aos bailes que tiñan lugar nas sociedades recreativas ou aos asaltos organizados pola mocidade; nuns e noutros era obrigado o uso de disfrace, preferentemente orixinal e de bo gusto.

A xente ía ao Preguntoiro ou á Rúa do Vilar a ver as comparsas e o curioso espectáculo que era a súa rolda. Percorrían as rúas da cidade e ao pé das casas cantaban coplas e cancións recibindo a cambio as moedas que lles tiraban desde balcóns e xanelas. Houbo un tempo en que as comparsas ofrecían amendoados ás casas máis xenerosas.

Tamén había lugar para dous clásicos: o xogo do figo (juego del higui) -no que un home cunha manchea de figos colgados dun pau enredaba coa rapazada- e o paseo de Carabellón e Perilla -oso e domador que facían as delicias do público-. O Entroido era, sobre todo, un lugar de encontro e de xogo; por uns días as barreiras sociais volvíanse borrosas nunhas rúas nas que as mascaritas tanto facían burla como armaban un baile espontáneo.

As dificultades para xestionar estes encontros e afluencias de xentes levaron o Concello a programar na Alameda o desfile das comparsas. Amenizado con música, o cambio de escenario deulle un importante pulo ao Entroido xa que as carrozas engalanadas, que ata entón eran escasas, pasaron a completar o espectáculo. E mesmo foi posible organizar e gozar das batallas de confeti. En 1917 foi a segunda vez que se organizou alí e así, despois de pasear pola cidade, as comparsas e carrozas achegáronse á Alameda, onde a Banda Municipal ofreceu un concerto para amenizar o evento. Foi tal o éxito acadado, que comezou a falarse de outorgar premios aos mellores participantes.

Música, diversión e socialización, esas foron as pautas do Entroido histórico, o que viviron hai cen anos as xentes desta cidade, as mesmas que partillamos hoxe.

Presentada a nosa publicación sobre a Compostela da Xeración Nós

Vivimos o ano da Xeración Nós; celebramos o centenario da publicación da revista e homenaxeamos a memoria daqueles homes e mulleres. Con este motivo, elaboramos para o Concello de Santiago unha pequena publicación divulgativa.

A cidade de Santiago en tempos da Xeración Nós é un pequeno paseo pola Compostela daquel tempo inzado de optimismo e proxectos; nel explicamos como era a cidade que acolleu aos homes e mulleres que pensaron Galicia como un pais empoderado cunha cultura cosmopolita e consolidada. Falamos da propia revista e das iniciativas locais que a acolleron como as Irmandades da Fala ou a imprenta Nós de Ánxel Casal. Tamén do Seminario de Estudos Galegos, que é a resposta xenuinamente compostelá ao desafío que supoñía Nós: os homes e mulleres de ciencia, facendo ciencia en galego para Galicia e para o mundo.

E mesmo facemos énfase neste tempo e nestes procesos como espazo de emerxencia da nova personalidade compostelá, a da capital política e cultural de Galicia. Unha faciana máis -recuperación doutra vella, en realidade- desta cidade.

Foi un encargo do Concello de Santiago de Compostela e a súa Concellaría de Cultura para conmemorar o centenario da revista e traer á luz a memoria da súa xente e da nosa cidade. É o número 3 da Colección Cadernos de Compostela, dedicada a amosar de xeito atraínte aspectos senlleiros da historia da cidade.

Agardamos que sexa do voso gusto.

No Entroido, licor café e augardentes

foto augardenteiroLicor café e bica conforman durante o Entroido un tándem clásico de moitas comarcas galegas; outro tanto poderíamos dicir da augardente e o café e o as herbas e un xantar copioso.

Uns teñen unha longa historia entre nós, outros son máis recentes pero é evidente que forman parte deses momentos cotiás que, como comunidade, repetimos xeración tras xeración. Lonxe quedaron os tempos dos poteiros itinerantes, das potas de barro e de bebidas loubadas na nosa literatura como o rosolí.

Hai un tempo que dehistoria investigou, a petición do Consello Regulador Augardentes e licores tradicionais de Galicia, a historia destas bebidas espiritosas. Alí aprendimos cousas curiosas e ben interesantes e puidemos desfacer algúns mitos asentados como que en Galicia non se destilaba antes de mediados do s. XIX.

Hoxe queremos compartir con vós unhas breves notas tomadas daquel informe e incorporalas á nosa Factoría dehistoria para que as leades e compartades; organizamos os materiais por especialidades, para que podades centrarvos naquela da vosa preferencia 😉

 

 

Unha web sobre a Rocha Forte de Santiago

exterior da cerca da rocha forteNestes días vense de facer pública a web sobre o proxecto de investigación do castelo da Rocha Forte; está en Santiago, na entrada sur á cidade, na beira do río Sar.

Como ben lembraredes, este é un proxecto no que nos participamos. A nosa achega foi a busca de documentación histórica, tanto do castelo como da súa contorna máis inmediata. Foi un traballo complicado porque o castelo deixou de existir a finais do século XV; con todo, a investigación da súa contorna -entendida nun perímetro bastante amplo- permitiunos atopar descricións dos chamados suelos de la Rocha, achegarnos á evolución do espazo máis inmediato -a actual aldea da Rocha- ou, mesmo, reconstruír sobre a paisaxe e con bastante claridade a rede de camiños da zona.

O noso traballo completase coa achega do equipo arqueolóxico, de xeito que hoxe temos unha panorámica máis clara do pasado do castelo e da súa contorna, o que nos axuda a entendelo mellor.

Na web tendes non só cronoloxías, biografías e datos varios, senón tamén algunhas partes do noso estudo de documentación histórica, o informe da escavación e algúns vídeos e reconstrucións de moito interese.

 

 

8 de marzo: Día Internacional da Muller

cartaz dia da muller 2013Nuns días celebraremos a memoria da loita das mulleres polos seus dereitos. Pola igualdade, pola dignidade. É unha historia chea de grandes fitos e pequenos feitos, de persoaxes ben coñecidas e de protagonistas anónimas. Moitos pasos nun longo camiño que aínda non rematou.

Para que vaiades preparando tan singular xornada, queremos animarvos a curiosear nesa cadea de feitos e testemuñas que fai que a nosa vida hoxe sexa máis doada, cando menos nos paises máis ricos (aínda que esteamos instaladas na crise).

Primeiro, unha proposta da nosa factoría dehistoria: o segundo capítulo dun dos nosos libros, no que se recolle resumida a senda percorrida nestes ultimos cen anos. O seu título, a bolsa propia, o principio da independencia.

Despois, este curioso pero entretido vídeo sobre as orixes desta celebración

E de sobremesa, unha visita á páxina oficial da ONU sobre este homenaxe. Inclue, mesmo un avance sobre a canción One Woman, que será estreada este mesmo 8 de marzo.