Archivo de la categoría: factoría dehistoria

PARAXES CORUÑESAS: AS FONTES

Paso de San Xoán da Cova

No proxecto das paradas da provincia da Coruña (esas paraxes singulares que compre recoñecer e valorar) unha das tarefas que facemos é buscar e identificar imaxes antigas destes lugares. En primeiro lugar, porque son ilustrativas de como eses sitios tan especiais se foron conformando e ademais porque as veces están bastante transformados.

Tomemos como exemplo, o caso desta imaxe: o chamado Paso da Cova; é un estreito a modo de pequeno canón que fai o río Ulla preto do lugar de Ponte Ulla e toma o seu nome dun vello mosteiro. O lugar é hoxe significativamente diferente pois tanto a nova estrada como o ferrocarril crearon pontes que non só transformaron á paisaxe senón que tamén fixeron mudar a nosa percepción sobre ela.

Así, o vello estreito perdeu o seu misterio e parte da monumentalidade, mentres que a antiga ponte é hoxe imperceptible para quen circula pola estrada xa que queda debaixo dela.

Non obstante, aínda hoxe é un sitio de gran beleza escénica.

Sabes onde queda Ponte Ulla? á beira do río Ulla, no límite entre as provincias de Coruña e Pontevedra. Exactamente aquí

 

Noticias antigas do Entroido compostelán

Repescamos o texto dun artigo publicado na revista Compostelanea en febreiro de 2017 sobre o Entroido en Santiago hai un século (máis ou menos). Non perdades as fotos que o acompañan!

Compostela 1917: O Entroido

Hai un século, o Entroido ocupaba a vida da cidade durante case un mes, pois comezaba cando chegaban aos comercios os xéneros propios da festa: os tecidos para os disfraces e os “papeliños de cores” que se empregaban para facer máscaras e todo tipo de figuras. Ao tempo empezaban a prepararse as comparsas e o programa de bailes. Así quedaban marcadas as coordenadas da festa: disfraces, comparsas e alegría. As mesmas que hoxe en día seguen definíndoa.

O chuvioso tempo compostelá marcaba o ritmo e tensión das xornadas, sobre todo a principios do século XX, cando as formas de vida burguesas terminaron de adaptar a festa á sociabilidade urbana. É entón cando naceu o Entroido tal e como hoxe o coñecemos; un tempo -como di un autor da época- divertido e elegante.

No rural santiagués perduraron ata hoxe costumes máis arraigados á tradición rural como a destrución do Entroido feito con palla e roupa vella que podemos documentar en Aríns hai cen anos, o carro engalanado que se armaba en Santa Marta ou os atranques dos Xenerais das parroquias do Ulla.

Na cidade desenvolvíase un Entroido diferente con manifestacións xenuínas que estaban plenamente vixentes hai un século. Algunhas desapareceron, outras son doadamente identificables no programa actual.

A rúa era o principal escenario do Entroido santiagués. Polas vías principais paseaban, cantando coplas e chanceando coa xente, as comparsas. Estas agrupacións armábanse cada ano baixo nomes tan suxestivos como Los Caballeros de Malta, Los cirujanos del porvenir, Los alpinistas ou La Lira, que levaban acompañamento musical similar ás actuais rondallas ou máis tradicional (pandeireta, bombo e tamboril). Nelas participaban estudantes, mozos e mesmo grupos de nenos e nenas. Na rúa todo eran risas, humor do bo e balbordo, sendo o contrapunto aos bailes que tiñan lugar nas sociedades recreativas ou aos asaltos organizados pola mocidade; nuns e noutros era obrigado o uso de disfrace, preferentemente orixinal e de bo gusto.

A xente ía ao Preguntoiro ou á Rúa do Vilar a ver as comparsas e o curioso espectáculo que era a súa rolda. Percorrían as rúas da cidade e ao pé das casas cantaban coplas e cancións recibindo a cambio as moedas que lles tiraban desde balcóns e xanelas. Houbo un tempo en que as comparsas ofrecían amendoados ás casas máis xenerosas.

Tamén había lugar para dous clásicos: o xogo do figo (juego del higui) -no que un home cunha manchea de figos colgados dun pau enredaba coa rapazada- e o paseo de Carabellón e Perilla -oso e domador que facían as delicias do público-. O Entroido era, sobre todo, un lugar de encontro e de xogo; por uns días as barreiras sociais volvíanse borrosas nunhas rúas nas que as mascaritas tanto facían burla como armaban un baile espontáneo.

As dificultades para xestionar estes encontros e afluencias de xentes levaron o Concello a programar na Alameda o desfile das comparsas. Amenizado con música, o cambio de escenario deulle un importante pulo ao Entroido xa que as carrozas engalanadas, que ata entón eran escasas, pasaron a completar o espectáculo. E mesmo foi posible organizar e gozar das batallas de confeti. En 1917 foi a segunda vez que se organizou alí e así, despois de pasear pola cidade, as comparsas e carrozas achegáronse á Alameda, onde a Banda Municipal ofreceu un concerto para amenizar o evento. Foi tal o éxito acadado, que comezou a falarse de outorgar premios aos mellores participantes.

Música, diversión e socialización, esas foron as pautas do Entroido histórico, o que viviron hai cen anos as xentes desta cidade, as mesmas que partillamos hoxe.

A Ascensión: a feira que trouxo a festa

Desde hai séculos, a Ascensión é un día grande en Santiago; é xornada de feira e, ultimamente, tamén de festa. Trátase dun evento moi tradicional, que as xentes de Santiago asocian coa primavera, con paseos e bailes na Alameda e Santa Susana, con barracas e coa feira. Malia que na actualidade se desenvolve, ante todo, coma unha celebración festiva, en orixe naceu coma unha importante feira. Este mercado de gando, sobre todo cabalar, duraba dous días e atraía milleiros de persoas, non só da contorna senón tamén de comarcas máis afastadas; as xentes acudían a comprar e a vender e a cidade enchíase daquela cun enorme balbordo de persoas, animais e mercadorías.

A carballeira e o campo de Santa Susana acollían a feira e as rúas da cidade eran o escenario dos actos festivos que pouco se foron desenvolvendo en paralelo á actividade mercantil. Con todo, a Feira da Ascensión non comezou a ser a Festa que hoxe coñecemos ata a década de 1950, cando os cambios no sector gandeiro supuxeron o esmorecemento das grandes feiras anuais.

Ata entón, as feiras compostelás a Ascensión e o Apóstolo eran un referente no panorama galego e convocaban a centos de gandeiros e tratantes. Viñan de Castela e Portugal a comprar, sobre todo bestas, pero tamén aquelas vacas e bois cebóns de tanta sona; da contorna e de toda a Terra de Santiago chegaban os labregos cos seus animais, os pequenos tratantes, as mulleres co produto das súas hortas, co pan ou cos panos tecidos con tanto esmero. En conxunto, entre todos dábanlle á cidade unha cor e unha alegría moi singulares….

Se queres seguir lendo, descarga o pdf completo

A FESTAS DO APÓSTOLO, O QUE NON SABÍAS

alamedaEn Compostela, as festas na honra do patrón Santiago son de sempre o maior acontecemento no ciclo anual da cidade. As funcións relixiosas eran as máis solemnes, sofisticadas e concorridas de cantas ao longo do ano había na basílica pero había tamén unha parte lúdica e festiva.
Son ben coñecidas as touradas e os espectáculos pirotécnicos, tamén a concorrencia de compañías teatrais e a chegada de tratantes e bestas á Feira, que era unha das máis importantes do reino. Pero había tamén unha concorridísima carreira hípica, a do Cendal e mesmo torneos cabaleirescos, procesións cívicas, concertos de Banda, «paseo de moda»,… e, como non, iluminacións artísticas na Alameda e no Obradoiro. Mudaron moitas cousas, pero perviven outras.

Na nosa Factoría dehistoria, deixamosvos unha pequena nota sobre o tema.

 

 

 

 

 

No Entroido, licor café e augardentes

foto augardenteiroLicor café e bica conforman durante o Entroido un tándem clásico de moitas comarcas galegas; outro tanto poderíamos dicir da augardente e o café e o as herbas e un xantar copioso.

Uns teñen unha longa historia entre nós, outros son máis recentes pero é evidente que forman parte deses momentos cotiás que, como comunidade, repetimos xeración tras xeración. Lonxe quedaron os tempos dos poteiros itinerantes, das potas de barro e de bebidas loubadas na nosa literatura como o rosolí.

Hai un tempo que dehistoria investigou, a petición do Consello Regulador Augardentes e licores tradicionais de Galicia, a historia destas bebidas espiritosas. Alí aprendimos cousas curiosas e ben interesantes e puidemos desfacer algúns mitos asentados como que en Galicia non se destilaba antes de mediados do s. XIX.

Hoxe queremos compartir con vós unhas breves notas tomadas daquel informe e incorporalas á nosa Factoría dehistoria para que as leades e compartades; organizamos os materiais por especialidades, para que podades centrarvos naquela da vosa preferencia 😉