Archivo de la categoría: factoría dehistoria

Turismo e patrimonio

capiteis ribeira sacraA chegada da primavera é unha boa razón para sair e coñecer máis de preto a riqueza do noso patrimonio. É tamén unha boa oportunidade para que entidades e comunidades locais fagan un esforzo por achegar o seu legado material e inmaterial tanto á veciñanza como ás xentes que veñen de lonxe.

En efecto, o turismo que toma como referente o patrimonio (artístico, ambiental ou etnográfico) pode constituírse como unha fonte de riqueza para os nosos pobos e de valores positivos para toda a cidadanía. Agora ben, debe concibirse pensando na súa sustentabilidade e no futuro das comunidades que o proxectan: humildade ante o que nos foi legado, interese por unha protección coidadosa e un mellor coñecemento deben ser as bases sobre as que se apoie calquera iniciativa deste tipo.

O turismo baseado no patrimonio non necesariamente precisa de obras ou custosos proxectos de rehabilitación e posta en valor; ás veces compre un pouco de imaxinación e, sempre, un mellor coñecemento dos bens culturais, naturais e inmateriais. Non abonda unha recopilación superficial de datos ou unha descrición básica do que calquera pode ver a simple vista.

A posta en valor non debe contentarse co beneficio económico derivado da chegada dos visitantes, debe aspirar a despertar neles sentimentos sobre a súa identidade, o seu compromiso coa conservación e protección do patrimonio, a admiración pola complexidade do pasado e a súa influencia na nosa vida e no que nos rodea.

É a investigación, a busca de novos datos e interpretacións, o que aporta calidade e novo valor aos espazos e obxectos do pasado; nela reside a mellor ferramenta para facer deles un instrumento que permita crear riqueza e futuro.

Visto nun contexto amplo e comprensible ata o muíño máis sinxelo se nos presenta como unha peza única e singular, irrepetible e admirable.

As novas tecnoloxías -e o seu crecente uso por parte da cidadanía- permiten hoxe en día novas aproximacións neste tipo de iniciativas; permiten implementar, por exemplo, roteiros e contidos que se desenvolven sen impacto visible e que poden ser adaptados a todo tipo de usuarios e usuarias.

Nesta primavera, que chega vizosa e algo adiantada, queremos compartir con vós novamente un dos nosos traballos neste campo. Así, na Factoría dehistoria, ofrecemosvos catro roteiros (un por provincia), propostas innovadoras para visitar, gozar e aprender en outros territorios do noso pais.

 

MENÚS DE NADAL

ofertas de nadal- dehistoriaO noso traballo ofrece moitas oportunidades para achegarnos á vida cotiá doutro tempo. Ás veces sen querelo, atopamos pequenas xoias que nos axudan a imaxinar cómo era a vida daqueles que foron antes que nós. Neste caso foi unha sede de artigos aparecidos nos últimos días de decembro de 1897 no Diario de Pontevedra.

Dous menus, ben diferentes, para a Noiteboa: o que o xornal propón para os seus lectores -con receitas, incluídas- e o que estaba previsto servir na Cociña Económica. Representan dúas tradicións e dúas formas de celebrar o Nadal moi distintas e que reflicten non só as diferencias sociais e económicas entre os comensais senón tamén a diversidade das súas tradicións culinarias.
Para uns, pratos que se inspiran na gastronomía internacional como a lagosta ou o salmón; para outros, pratos máis autóctonos como o caldo e bacallau. Daquela, coma hoxe, o peto inflúe no que se sirve pero non é menos certo que os alimentos están impregnados de condicionamentos culturais. A burguesía prefire aqueles menús que considera acaídos a súa posición social, que son moi semellantes aos que se consumen nas casas acomodadas de Europa; as xentes modestas tamén gardan para estas datas o mellor da súa despensa polo que predominan os alimentos locais e as preparacións sinxelas. Para todos, o peixe é o gran protagonista xa que é un día de vixilia.
Curiosamente, están presentes algunhas preparacións aínda hoxe presentes nas nosas mesas como o ollomol, o bacallau con verdura, a piña, as rosquillas e os doces navideños. Porque en realidade, como en moitos outros aspectos, a tradición actual é froito da fusión de elementos procedentes de moi diversos ámbitos.
Diario de Pontevedra 23 de decembro de 1897, páx. 1  e páx. 2
nadal menu-dehistoria