Archivo de la categoría: Cuestións triviais

Cuestións triviais

Cuestións triviais (3): A lista dos reis godos

Nestes días, alá polo século VII deixaba o trono dos visigodos, Ervixio o rei que sucedeu a Wamba e precedeu a Éxica. É un fito nun clásico das clases de historia de moitas xeracións de nenos e nenas españois: aquel fío de nomes incomprensibles (Leovixildo, Ataúlfo, Chindasvinto…) que se coñecía como a lista de los reyes godos.

Eran 33 nomes que resumían o saber necesario -daquela- sobre un longo e intenso período histórico que foi de mudanzas, loitas ou conversións relixiosas; de transición do mundo antigo e a romanidade aos tempos medievais.  De feito, a lista de los reyes godos pasou a encarnar en si mesma un modelo educativo baseado na memoria e, mesmo, na explicación de feitos, nomes e cronoloxías.

Hoxe, mesmo nas escolas, prestase maior atención a aquel tempo e as cousas son ensinadas doutro xeito. Con todo, se queredes saber quen eran estes señores, aqui tendes a relación completa.

Como o reino dos visigodos foi algo máis que esta lista de homes senlleiros, recomendamosvos unha ollada a esta presentación, rápida e completa sobre aquel tempo: A Hispania visigoda. E para que vexades cómo se estudan estas cousas agora -e, xa que estamos, facer un repaso-, convidamosvos a revisar esta páxina do IES María Sarmiento (Viveiro) sobre os suevos e os visigodos.

Cuestións triviais (2): As beguinas

Nestes días púdose ler na prensa sobre o pasamento da última das beguinas europeas. Era  Marcella Pattyn, de 92 anos, a última representante dunha interesantísima forma de vida en feminino que naceu nos séculos medievais.

En efecto, o movemento das beguinas desenvolveuse como unha forma diferente, xenuína e libre de vivir, non só a experiencia relixiosa senón tamén a vida en xeral. Mulleres de toda idade e condición unidas por un desexo común de vivir a súa fe fóra dos muros conventuais, no mundo das xentes corrientes, laicas pero entregadas ás súas conviccións; agrupábanse en casas sen a tutela dun home, traballaban e gañaban o sustento, vivían segundo as súas crenzas eran un exemplo vivo doutra forma de ser e de estar.

Acadaron un enorme éxito no Norte de Europa, moi especialmente nos Paises Baixos onde, segundo parece perviviron ata os nosos días. Deixaron en moitas das cidades nas que viviron sona de solidariedade, fe profunda e xenerosidade. Tamén barrios que conforman pequenas cidades dentro das propias cidades e que hoxe son Patrimonio Mundial da Humanidade.

No noso pais non houbo, que se saiba, experiencias beguinas aínda que si comunidades laicas de mulleres que, en certo modo, poderían asemellarse a elas. Son os oratorios de Santa Cruz (na Coruña) ou de Santa Cristina da Pena (en Santiago), nos que vivían e traballaban mulleres laicas que desde mediados do século XIV dedican á súa vida á oración e a caridade. Insírense dentro da Orde Terceira, aquela na que os laicos viven seguindo as ensinanzas de San Francisco.

Vivían do seu traballo, principalmente atendendo hospitais e alberguerías; tamén de doazóns privadas, xenerosas coa súa singular forma de vida e solidariedade comunitaria. Se cadra por esto mesmo, nunca foron moi ben vistas, tanto polas comunidades conventuais como polas autoridades eclesiásticas e, así, contra mediados do século XV evoluiran xa cara o formato conventual.

 

Paraxes históricas: Ponte Maceira

vista xeral da Ponte maceiraA nosa paisaxe está fondamente humanizada. Fálanos das experiencias e forma de vida das xentes doutro tempo; eles e elas condicionaron e crearon a súa aparencia actual. Os campos, os camiños, mesmo as cores permiten ler e sospeitar as trazas da vida no pasado.

As veces temos tan interiorizados os lugares nas que transcorre a nosa vida que esquecemos o que hai por debaixo. Compre, xa que logo, pararse un pouco e traer á mente eses testemuños mudos.

Neste inverno diluvial convidamosvos a recoñecer esta paraxe próxima a Santiago: A Ponte Maceira. E, por que non!, a facer unha escapadiña aproveitando a próxima tarde soleada.

Esta ponte de orixe medieval é o espazo máis recoñecible dun feito histórico que acadou sona lendaria: o encontro de Ponte Maceira e a batalla de Altamira.

Indo desde Santiago pasamos os seus fitos máis senlleiros: o vello camiño a Fisterra, a ponte e aldea de Augapesada -onde se concentraron os exércitos nobiliarios-, a Costa de Mar de Ovellas -polo que subiu con sorprendente rapidez unha enorme mesnada-, Carballo -onde se cruzan os camiños- e a Ponte Maceira -onde dous exércitos loitaron con desesperación-.

Á volta, deixando atrás o elegante pazo de Gasamáns é imprescindible un paseiño polas ruinas das torres. Ao seu pe tivo lugar a batalla definitiva que foi, con todo, unha mais das moitas nas que se liaron os arcebispos e os cabaleiros da terra.

Aqui tendes un singular recurso patrimonial, invisible pero disposto a que nós o aproveitemos. Que teñades un bo día!!

 

Cuestións triviais (1): Petrarca


Con esta entrada queremos iniciar unha nova sección, de periodicidade pouco establecida, na que desvelaremos consellos, coñecementos, ideas…, que queren achegarvos a outra cara dos acontecementos e procesos históricos. Nada complicado, so aqueles detalles que as historiadoras sabemos, ben porque somos xente moi lista ben porque era de obrigado estudo nos exames da facultade. Pode, mesmo que polas dúas cousas.

Este primeiro post quere facerse eco da publicación recente de Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, do inmortal F. Petrarca da man de Darío Xohán Cabana. Seguro que todas vos oíchedes falar deste famoso poeta, entre outras cousas porque tamén vos foi materia de exame. Si, o Bocaccio -por certo, bo amigo seu- e o seu Decameron tinan mellor pinta pero…
O que moita menos xente sabe é que Francesco Petrarca fixo unha contribución senlleira noutros aspectos da nosa vida. En primeiro lugar, foi un apaixoado, coincienzudo e rigoroso coleccionista, crítico e editor de textos clásicos; xa que logo, foi un puntal do redescubrimento da Antigüidade que levou ao Renacemento.
Tamén, como ben nos amosou o Prof Petrucci, sabio da paleografía do s. XX, Petrarca foi quen de deseñar un sistema claro para as edicións literarias; foi o primeiro en coidar ata o extremo a posta en páxina, a presentación da súa obra para favorecer a comodidade na lectura e no estudo. En certo modo, o sistema das notas ao pe e a marxe do texto principal, co que comodamente podemos ler e sobre todo entender a literatura doutro tempo, débelle moito.

Pero aínda hai mais. Sempre pensando na comodidade do lector promoveu o desenvolvemento dun novo tipo de letra, claro e doado ao ollo, poñendo en marcha o proceso que cristalizaría co nacemento e difusión da chamada “letra humanista”.

Nela se inspira a nosa propia, esa que usamos todos os días e mesmo a famosa Times New Roman que atoparás no teu procesador de textos.