Archivo de la categoría: Aplicacións turísticas

A MEMORIA DA AUGA

Retomamos temporalmente os contidos e filosofía da “Auga na historia da cidade” para preparar unha nova publicación sobre o tema. Mentres, saudamos a presentación da web Compostela viva, da Concellaría de Medio de Ambiente de Santiago. Nela podese descargar o arquivo dese pequeno folleto que nos invita a recuperar a historia do abastecemento de auga na cidade de Santiago e a coñecer e recoñecer algúns dos seus elementos patrimoniais máis significativos.
Os mananciais da Fonte Branca, a Ponte Mantible, o depósito da Almáciga… conforman nesta publicación un pequeno roteiro que sen dúbida ten gran interese.

A AUGA NA CIDADE

A historia das cidades sería imposible sen dispoñibilidade de auga; no caso de Santiago esta máxima é máis que corroborada polos testemuños históricos. Xa desde os tempos dos bispos Sisnando e Xelmírez dispón a capital dunha traída que surtía ás fontes públicas e ás principais entidades eclesiásticas. Máis tarde viría o novo acueduto, a substitución das conducións de barro, as fontes, a traída moderna que meteu a auga nas casas…
Da longa historia do sistema de subministro quedan hoxe moitos testemuños: as casetas na zona de captación (nos montes de Vite), a Ponte Mantible, os máis recentes depósitos da Almáciga e Salgueiriños, os mananciais da Granxa do Sexto… Dehistoria acaba de recuperalos a través dun pequeno roteiro e publicación para á Concellaría de Medio Ambiente.

RUTAS GPS E PATRIMONIO

Xa están a disposición de todos e todas as rutas GPS que dehistoria deseñou para a Dirección Xeral de Patrimonio; atópanse na súa web sobre Patrimonio Cultural Galego.
Son varios itinerarios que nos permitirán achegarmonos dun xeito diferente a algunhas comarcas galegas. Coma sempre, o recurso ao GPS permite deseñar rutas e localizar os sitios sen necesidade de sinais e indicadores, simplemente seguindo as indicacións do trebello. Unha guía en papel para descargar acompaña ao arquivo que permitirá que o noso navegador nos oriente: datos históricos, recomendacións, fotografías, etc.
Todo o necesario para un achegamento distinto tanto ao noso patrimonio como ás comarcas seleccionadas. E sen perderse!

PATRIMONIO DE AMES

Estamos levando a cabo un estudo dos recursos patrimoniais do concello de Ames; é un traballo longo, que nos levará aínda algúns meses. É curioso ver como muda radicalmente a nosa perspectiva do pasado, sobre todo dos feitos máis cotiáns, cando visitas os muíños, as aldeas e outros testemuños do pasado e os ves cos ollos da información fornecida polos documentos do arquivo.
As vellas pedras énchense de vida e de historias que nos trasladan ao mundo dos nosos avós e avoas. A unha paisaxe diferente, de agricultura diversificada e unha explotación coidadosa e algo máis racional dos recursos dispoñibles. Ben é certo que aquelo non era unha Arcadia feliz e que a vida da maioría era máis ben miserable, pero ollando con atención hai moito do que aprender.

Co GPS por Ames

Xa están dispoñibles na web do Concello de Ames os arquivos das nosas rutas con GPS. Propoñemos a realización de catro percorridos diferentes que teñen como eixo temático aos Condes de Altamira, señores noutro tempo de boa parte deste concello. De aí ven o nome do conxunto de itinerarios: As Terras dos Condes.
Na páxina de descargas atoparedes os 4 percorridos cos seus respectivos arquivos: os que implementaremos no noso trebello GPS e os que nos servirán para descobrir dun xeito diferente as parroquias de Trasmonte, Lens e Agrón.
Este produto é froito dun laborioso traballo de investigación que acometemos en colaboración con Dimensiona.