Archivo de la categoría: Contidos dixitais

Un pequeno agasallo de nadal, en tres partes


O noso produto diferencial, é sabido, e a investigacion historica baixo demanda o que nos leva a unha moi curiosa  heteroxeneidade nas nosas investigacions. Todas nacen dunha mesma premisa, a achega de información histórica para unha necesidade concreta, pero ramifícanse nunha diversidade singular de temas.

De todas aquelas cuestións que tratamos a petición dos nosos clientes hai algunhas que poden adxectivarse sen medo: as investigacións sobre os montes comunais son solidarias, falánnos da loita das comunidades (onte e hoxe) pola sua supervivencia; as historias familiares teñen moitas veces ingredientes de thriller  ou drama psicoloóxica, amósannos que, no fondo, todas as parentelas son moi parecidas, nas súas luces e nas súas sombras, pois sempre hai un lado escuro, un antepasado de dubidosa reputacion ou unha volta inesperada do destino; outras veces é como mirar a través dun espello, pois atopamos xentes doutro tempo e que nos gustaría convidar a un café e algunhas persoalidades que tenen fiel reflexo na actualidade.
Pero, sen dúbida, as que nos resultan mais atraintes son aquelas da «mirada indiscreta», que se relacionan co cotia; grazas a elas entramos, como por unha fiestra, na vida daqueles homes e mulleres que foron antes ca nos.

Estas son, definitivamente, as que máis gustan aos nosos amigos e amigas. Por este motivo, queremos agasallarvos cunha serie de tres textos (a modo de antigo folletín) sobre o voso outro tema preferido, a historia da nosa tradición gastronómica. Son unha versión alixeirada do capítulo dedicado á historia da nosa tradición reposteira, no noso libro Historia da dozaría tradicional galega.

Historia da dozaría galega (parte 1)

Historia da dozaría galega (parte 2)

Historia da dozaría galega ( e parte 3)

Bo proveito e os nosos mellores desexos para o novo ano!

(continuará)

 

Turismo e patrimonio

capiteis ribeira sacraA chegada da primavera é unha boa razón para sair e coñecer máis de preto a riqueza do noso patrimonio. É tamén unha boa oportunidade para que entidades e comunidades locais fagan un esforzo por achegar o seu legado material e inmaterial tanto á veciñanza como ás xentes que veñen de lonxe.

En efecto, o turismo que toma como referente o patrimonio (artístico, ambiental ou etnográfico) pode constituírse como unha fonte de riqueza para os nosos pobos e de valores positivos para toda a cidadanía. Agora ben, debe concibirse pensando na súa sustentabilidade e no futuro das comunidades que o proxectan: humildade ante o que nos foi legado, interese por unha protección coidadosa e un mellor coñecemento deben ser as bases sobre as que se apoie calquera iniciativa deste tipo.

O turismo baseado no patrimonio non necesariamente precisa de obras ou custosos proxectos de rehabilitación e posta en valor; ás veces compre un pouco de imaxinación e, sempre, un mellor coñecemento dos bens culturais, naturais e inmateriais. Non abonda unha recopilación superficial de datos ou unha descrición básica do que calquera pode ver a simple vista.

A posta en valor non debe contentarse co beneficio económico derivado da chegada dos visitantes, debe aspirar a despertar neles sentimentos sobre a súa identidade, o seu compromiso coa conservación e protección do patrimonio, a admiración pola complexidade do pasado e a súa influencia na nosa vida e no que nos rodea.

É a investigación, a busca de novos datos e interpretacións, o que aporta calidade e novo valor aos espazos e obxectos do pasado; nela reside a mellor ferramenta para facer deles un instrumento que permita crear riqueza e futuro.

Visto nun contexto amplo e comprensible ata o muíño máis sinxelo se nos presenta como unha peza única e singular, irrepetible e admirable.

As novas tecnoloxías -e o seu crecente uso por parte da cidadanía- permiten hoxe en día novas aproximacións neste tipo de iniciativas; permiten implementar, por exemplo, roteiros e contidos que se desenvolven sen impacto visible e que poden ser adaptados a todo tipo de usuarios e usuarias.

Nesta primavera, que chega vizosa e algo adiantada, queremos compartir con vós novamente un dos nosos traballos neste campo. Así, na Factoría dehistoria, ofrecemosvos catro roteiros (un por provincia), propostas innovadoras para visitar, gozar e aprender en outros territorios do noso pais.

 

Album de mulleres

Esta é unha singular iniciativa da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega.

É un proxecto de longo percorrido que quer amosarnos a traxectoria vital das galegas que foron antes ca nós a tra vés das biografías dalgunhas delas. Unhas son moi coñecidas, como Rosalía de Castro ou María Castaña; outras, pola contra, son absolutas descoñecidas para a maioría do público, como Isabel de Zendala ou Dolores Rodeiro. Todas son un espello no que atopar valores como o esforzo, o compromiso ou o carácter emprendedor.

dehistoria foi convidada a investigar e compoñer unha desas biografías, a de Dona María Reguera e Mondragón, que vivíu dacabalo entre os séculos XVIII e XIX e desenvolveu unha actividade pública e publicada pouco común na Galicia do seu tempo.

Convidámosvos a ler e aprender dela e a explorar o Album de Mulleres

 

GALLAECIAE MONUMENTA HISTORICA

A web Gallaeciae Monumenta Historica ven de ser presentada e con ela este ambicioso proxecto que busca ser un referente para o medievalismo galego.
Ofrecerase aos usuarios un corpus crecente de textos medievais, con ferramentas de busca en texto libre e descritores. Haberá tamén un espazo para a colaboracion dos usuarios e usuarias, que son convidados a constituír a súa propia comunidade 2.0.
dehistoria é unha das entidades que traballou no deseño e posta en marcha do proxecto, sendo o noso traballo de gran relevancia nas tarefas de preparación dos textos, indización e localización dos materiais complementarios que enriquecen a lectura e interpretación das nosas fontes documentais medievais.
Nestes primeiros pasos ao corpus iránse incorporando títulos procedentes das antigas edicións do propio Consello da Cultura Galega; co tempo, haberá edicións de textos inéditos.

PATRIMONIO DE AMES

Estamos levando a cabo un estudo dos recursos patrimoniais do concello de Ames; é un traballo longo, que nos levará aínda algúns meses. É curioso ver como muda radicalmente a nosa perspectiva do pasado, sobre todo dos feitos máis cotiáns, cando visitas os muíños, as aldeas e outros testemuños do pasado e os ves cos ollos da información fornecida polos documentos do arquivo.
As vellas pedras énchense de vida e de historias que nos trasladan ao mundo dos nosos avós e avoas. A unha paisaxe diferente, de agricultura diversificada e unha explotación coidadosa e algo máis racional dos recursos dispoñibles. Ben é certo que aquelo non era unha Arcadia feliz e que a vida da maioría era máis ben miserable, pero ollando con atención hai moito do que aprender.