Archivo de la categoría: Exposicións

Comercio emblemático de Compostela.

O pasado outono inauguramos en Santiago unha exposición dedicada a poñer en valor o papel do pequeno comercio como emblema e símbolo da cidade. Foi un traballo complicado pola falta de referentes históricos e bibliográficos pero moi gratificante porque tivemos oportunidade de achegar á cidadanía unha parte da súa historia que é bastante descoñecida. Foi un encargo do Concello de Santiago de Compostela, concretamente do departamento de Comercio.

A expo tiña dúas partes diferenciadas.

Unha delas estaba dedicada aos establecementos que a Mesa do Comercio de Santiago considerou que debían ser sinalados como emblemáticos; son aqueles, uns máis antigos e outros máis recentes, que significan algo para a veciñanza e son un referente no seu sector ou no seu barrio, pola calidade da súa oferta ou servizo, polo innovador que é, pola súa antigüidade… cada un por unha cousa, premiaronse a unha serie de establecementos. Son os primeiros dunha distinción chamada a continuar nos anos que virán. Era unha mostra fotográfica cunhas espectaculares imaxes de Afonso Sestelo

Na segunda parte, o contido centrábase en amosar a evolución dos comercios, eses espazos tan ligados non só á vida mercantil senón tamén á memoria da veciñanza e á imaxe da propia cidade por canto coa súa faciana, escaparates ou rótulos marcan de xeito sinalado á cidade e as súas rúas. Nesta parte combinaronse textos e imaxes identificadas ao longo da investigación histórica; seguindo o seu fío puidemos amosar como se foi pasando dos postos e estaribeis na rúa aos luxosos comercios actuais, cos seus escaparates, moblaxe individualizada, etc.

A expo pechou en decembro pero recentemente o concello puxo en marcha a posibilidade de facer unha visita virtual na que se poden consultar os textos e imaxes, novamente da man de Afonso Sestelo, que fixo un magnífico traballo.

Podedes todavía, se queredes saber algo máis sobre o comercio compostelán e pasar un rato agradable e divertido, descargar e intentar o reto que propón a app Desafio Comercial SCQ,

 

O centenario da aparición do Pergamiño Vindel

En 1914 tivo lugar un achado que revolucionou os coñecementos sobre a lírica medieval galego-portuguesa. Pedro Vindel, libreiro, atopou nun vello exemplar dunha obra de Cicerón un pergamiño que acabaría levando o seu nome.

O Pergamiño Vindel contiña un cancioneiro do poeta galego Martín Códax e, o que é máis relevante, a música que acompaña a 6 das sete pezas que recolle. Por vez primeira, quedou probado que as nosa lírica profana naceu para ser acompañada por música, máis para ser interpretada ante un público que para ser lida no recollemento individual.

Foi un descubrimento capital que inseriu esa poesía nun contexto diferente; a súa sonoridade, ritmo, a lingua mesma, teñen un novo significado sobre o que os investigadores reflexionaron e traballaron durante este século.

A obra do xograr Martín Códax está indisolublemente unida a Vigo, que era un lugar aínda pequeno pero que comezaba a agromar; a hoxe cidade é o pano de fondo das inquedanzas da moza enamorada, o escenario dos santuarios aos que acode, o espazo deses bailes que doadamente imaxinamos ao ler as cantigas (por exemplo, a sexta), o mar que a acompaña mentres agarda.

A Noite Branca que se celebra en Vigo este 8 e 9 de agosto, terá como lema e obxectivo, precisamente achegar á cidadanía o Pergamiño Vindel, o Vigo Medieval e a figura de Martín Códax. Si, o centenario do achado é unha oportunidade excepcional para revisitar o pergamiño e o poeta que fixeron universal a lírica profana galega.

Aquí podedes descargar o pdf do folleto sobre o evento, que contén todos os textos.

Aniversario de Domingo Fontán

Un 17 de abril de 1788 naceu en Portas Domingo Fontán, profesor universitario, matemático e cartógrafo. Foi unha desas persoas que marcou unha diferencia, xa que o seu traballo permitiu aos galegos e galegas ver o seu país con outros ollos. Tal é a relevancia da súa contribución, que hoxe repousa no Panteón de Galegos Ilustres, aínda que o certo é que non deixa de ser un ilustre descoñecido para a gran maioría do público.

Para dehistoria, pola contra, é un persoeiro ben coñecido por canto foi obxecto de dous dos nosos traballos: un capítulo da serie divulgativa A miña famosa familia, que no seu tempo emitiu a TVG e unha pequena colaboración na exposición Innovación e territorio: o legado de Domingo Fontán ao século XXI, organizada pola Universidade de Santiago.

Hoxe queremos lembralo e convidarvos a coñecer mellor a súa inxente e brillante obra: compartimos con vós -na sección factoría– o texto da nosa colaboración na exposición e vos animamos a botar un ollo á web da fundación que custodia o seu legado, que ten moita información, documentos dixitalizados, enlaces a vídeos, etc.

 

CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA MURALLA DE LUGO

O pasado sábado 23 tivo lugar a inauguración do Centro de Interpretación da Muralla de Lugo.
O desenvolvemento deste proxecto foi complexo e longo, tanto para nós como para o noso cliente, Stoa pero a día de hoxe os resultados non poden ser máis satisfactorios. O traballo de documentación desenvolvido por dehistoria foi unha modesta aportación a este proxecto que se sitúa neste momento á cabeza do panorama dos museos e espazos patrimoniais de Galicia.
¡Os nosos parabéns a todos e todas as implicadas!.
Este centro de interpretación será unha referenza ineludible para visitantes e lucenses e amosará a todos e todas non so os aspectos máis coñecidos da muralla e a súa historia, senón tamén outros moitos detalles e feitos que axudarán a comprender a súa real monumentalidade.
Clicade aqui para descargar o tríptico informativo.

A HISTORIA VAI A ENFESTA

Hoxe chegamos a Enfesta. É a última etapa de “A Historia vai por barrios” antes do verán. A mostra terá lugar no Local Sociocultural e estará ali até o 10 de xuño.
Tal e como a investigación ven a demostrar, o pasado desta parroquia -mesmo nos tempos nos que non era concello- é riquísima e moi interesante. Delo da fe un patrimonio histórico moi variado que vai dos castros de Formaris ou Roda dos Mouros -doados de ver desde a N-550- até a antiga estación do ferrocarril da Sionlla: muíños, vivendas tradicionais, hórreos e palleiras, etc.
A exposición que hoxe inauguramos fai un pequeno percorrido por todos estes aspectos; ao longo da visita, a veciñanza e o resto da cidade -cando entre en rotación por outros barrios- coñecerán un pouco mais desta outra Compostela, rural e conservadora das mais antigas tradicións.