Onte pechamos a exposición “A historia do comercio en Compostela”, organizada dentro do programa de actos do mes do comercio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Santiago.
Foi unha pequena homenaxe a este sector tan fundamental para a vida da cidade, tanto que a propia Compostela e os seus veciños non existirían de non ser polo esforzo permanente dos comerciantes que trouxeron os alimentos, as ferramentas, as roupas, etc. En fin, todo o necesario para a vida.
Constituíu tamén un primeiro intento por localizar e valorizar o patrimonio ligado a esta actividade económica. A pesares da limitación dos espazos de almacenamento, da fugacidade das modas ou mesmo, do paso das xeracións e os tempos, son moitos os establecementos que conservan os testemuños do seu pasado. Nas nosas vitrinas ou a través de fotografías puidemos ver unha pequena mostra.
Archivo de la categoría: Exposicións
A HISTORIA VAI A VILLESTRO
Hoxe ten lugar a inauguración da exposición correspondente á parroquia de Villestro dentro do proxecto “A historia vai por barrios” desenvolvido pola Rede de Centros Socioculturais de Santiago. É unha mostra un tanto distinta das outras xa que Villestro tamén é diferente; a súa historia e os obxectos das vitrinas traen a memoria do rural compostelán, aquel que durante séculos alimentou á cidade coas rendas dos foros e cos produtos que chegaban ao mercado.
Como ben afirma o tríptico que acompaña ao proxecto, os barrios de Santiago son como irmáns teñen algo en común pero tamén son diferentes.
A HISTORIA VAI Á ROCHA
O próximo día 20 terá lugar a inauguración da exposición que, dentro do programa A Historia Vai por Barrios terá como protagonista ao barrio da Rocha.
Estará instalada no Centro Sociocultural até primeiros de xaneiro e será unha magnifíca oportunidade para coñecer o pasado deste barrio que aínda que é coñecido polo seu castelo ten unha historia rica e diferente, que abrangue moitos e moi diferenciados aspectos.
A presentación pública da mostra e das actividades que se están levando a cabo desde outubro tivo lugar o pasado día 5, nunha rolda de prensa.
A EXPOSICIÓN DA HISTORIA DE SAN PEDRO
A Exposición dedicada ao barrio de San Pedro está a despertar gran interese da veciñanza que atopa nela aspectos descoñecidos da súa historia. Estará aberta até o día 3 de decembro.
Asimesmo, veciños e veciñas participan de xeito entusiasta nas diversas actividades programadas polo Centro Sociocultural. No barrio de San Pedro as actividades prolongaránse até o final do curso, en xuño de 2007.
A HISTORIA VAI A SAN PEDRO
Hoxe ás 8 da tarde, no CSC da Trisca, terá lugar a inauguración do proxecto A historia vai por barrios no barrio de San Pedro.
Desde hoxe e até o próximo día 2 de decembro estará aberta ao público unha exposición que amosa os feitos básicos da historia deste barrio tan tradicional. Durante todo este tempo e ao longo de todo ano, o Centro Sociocultural da Trisca, desenvolverá unha variada programación de actividades destinadas a que a veciñanza coñeza a historia do barrio, a promover á reflexión sobre o presente e o pasado e a facilitar o intercambio de experiencias entre xeracións.
É unha programación moi interesante, na que colaboran entidades veciñais como a A.V. A Xuntanza, o Centro Xuvenil D.Bosco ou a Comisión de Festas e a que están todos convidados.