Archivo de la categoría: Informes históricos

AS ORIXES DA FEIRA DE SAN MARTIÑO EN FRANCOS (TEO)

entrada a carballeira de Francos

Quen nos ía dicir que acabariamos descubrindo que esta feira é máis antiga do que pode parecer?

A investigación -encargo do Concello de Teo– foi complicada por canto as fontes informativas son escasas e dispersas. Con todo, cuns documentos e outros, fomos quen de reconstruír con rigor (o método científico ante todo) a apaixonante orixe deste evento e mesmo de recuperar datos fiables da súa evolución ata o s. XX.

Descubrimos que, en realidade, no lugar de Francos se celebraban cada ano 3 feiras. Tiñan lugar os días de Pascua de Ramos, Pascua do Espírito Santo (o luns de Pentecostés) e o día de San Martiño (11 de novembro), que todas comezaron a organizarse nos anos centrais do século XVI, que cada unha duraba dous días e, mesmo, que as feiras de primavera se orientaban sobre todo ao trato do gando vacún mentres que o San Martiño sempre preferiu o cabalar.

Todas se desenvolveron con bastante éxito ata o s. XIX cando as feiras de primavera esmoreceron ata desaparecer.
Hoxe so queda o San Martiño que foi quen de adaptarse aos novos tempos sen perder a súa esencia gandeira e labrega. É asi como intentará acadar o título de Festa de Interese Turístico Galego.

Na Factoría dehistoria atoparedes un resumo dos resultados da investigación.

 

FONTES CON HISTORIA

Xa está na rúa unha nova publicación sobre a auga; neste caso sobre as fontes da cidade de Santiago encomendada pola Concellaría de Medio Ambiente do concello de Santiago e Aguagest.
Propoñemos nesta ocasión un achegamento diferente ás fontes da cidade que é non só a partir da súa historia senón e, sobre todo, como testemuñas do propio pasado da cidade.
Nun tempo no que a auga non chegaba ás casas por tubarías senón en baldes ou sellas, a construción de fontes significaba posibilidades de crecemento para un barrio e, tamén unha mellor calidade de vida: menos tempos agardando a quenda ao sol ou á choiva, camiñadas máis curtas,… canto debeceron os nosos conveciños e conveciñas por ter unha fonte preto da casa!
Eran daquela infraestruturas máis utilitarias que ornamentais e con todo estaban coidadosamente pensadas e construídas; situadas alí onde chegaban os medios da traída ou onde había un manancial que as facía viables.
Todas gardan a memoria doutro tempo e dunha forma de vida que hoxe dificilmente comprendemos.
Só as de caracter ornamental, como a de Praterías naceron con ese anceio de beleza e de ennobrecemento da vila e das rúas nas que se sitúan. Desa busca por embelecer naceu unha caste de fontes diferentes, máis complexas nas que os xogos da auga teñen tamén o seu lugar.
Tamén naceron daquela as fontes viaxeiras, aquelas que mudaron o seu emprazamento unha vez perdida a súa función inicial, como as que hoxe están en San Roque ou na Alameda.
A máis singular é, no noso gusto, a que temos máis próxima: a da Praza de Fonseca, que leva só unhas décadas transmitindo frescura e sosego a veciñanza e visitantes. Con todo, parece que leva alí toda a vida!

Podedes descargar o folleto na web do concello.

Unha forma excelente de celebrar o Día Mundial da Auga.

I.X.P. TARTA DE SANTIAGO

A Tarta de Santiago encamiñase á súa definitiva configuración como Indicación Xeográfica Protexida ao comezar o proceso de constitución do Consello Regulador. A obtención deste distintivo de calidade é froito dun longo esforzo dos produtores, que quixeron conservar este doce tradicional e protexer a súa receita histórica.
O informe histórico preparado por dehistoria foi un dos puntais deste proxecto ao explicar porqué un doce de aparencia tan exótica non só está unido firmemente á nosa dozaría máis tradicional senón que está nas nosas mesas desde hai séculos.
A presentación oficial da Indicación Xeográfica tivo lugar no Forum Gastronómico Santiago 2010 nun acto no que estiveron presentes produtores, autoridades e cociñeiros de sona internacional.

A AUGA NA CIDADE

A historia das cidades sería imposible sen dispoñibilidade de auga; no caso de Santiago esta máxima é máis que corroborada polos testemuños históricos. Xa desde os tempos dos bispos Sisnando e Xelmírez dispón a capital dunha traída que surtía ás fontes públicas e ás principais entidades eclesiásticas. Máis tarde viría o novo acueduto, a substitución das conducións de barro, as fontes, a traída moderna que meteu a auga nas casas…
Da longa historia do sistema de subministro quedan hoxe moitos testemuños: as casetas na zona de captación (nos montes de Vite), a Ponte Mantible, os máis recentes depósitos da Almáciga e Salgueiriños, os mananciais da Granxa do Sexto… Dehistoria acaba de recuperalos a través dun pequeno roteiro e publicación para á Concellaría de Medio Ambiente.

RUTAS GPS E PATRIMONIO

Xa están a disposición de todos e todas as rutas GPS que dehistoria deseñou para a Dirección Xeral de Patrimonio; atópanse na súa web sobre Patrimonio Cultural Galego.
Son varios itinerarios que nos permitirán achegarmonos dun xeito diferente a algunhas comarcas galegas. Coma sempre, o recurso ao GPS permite deseñar rutas e localizar os sitios sen necesidade de sinais e indicadores, simplemente seguindo as indicacións do trebello. Unha guía en papel para descargar acompaña ao arquivo que permitirá que o noso navegador nos oriente: datos históricos, recomendacións, fotografías, etc.
Todo o necesario para un achegamento distinto tanto ao noso patrimonio como ás comarcas seleccionadas. E sen perderse!