Archivo de la categoría: Informes históricos

Co GPS por Ames

Xa están dispoñibles na web do Concello de Ames os arquivos das nosas rutas con GPS. Propoñemos a realización de catro percorridos diferentes que teñen como eixo temático aos Condes de Altamira, señores noutro tempo de boa parte deste concello. De aí ven o nome do conxunto de itinerarios: As Terras dos Condes.
Na páxina de descargas atoparedes os 4 percorridos cos seus respectivos arquivos: os que implementaremos no noso trebello GPS e os que nos servirán para descobrir dun xeito diferente as parroquias de Trasmonte, Lens e Agrón.
Este produto é froito dun laborioso traballo de investigación que acometemos en colaboración con Dimensiona.

A HISTORIA VAI A ENFESTA

Hoxe chegamos a Enfesta. É a última etapa de “A Historia vai por barrios” antes do verán. A mostra terá lugar no Local Sociocultural e estará ali até o 10 de xuño.
Tal e como a investigación ven a demostrar, o pasado desta parroquia -mesmo nos tempos nos que non era concello- é riquísima e moi interesante. Delo da fe un patrimonio histórico moi variado que vai dos castros de Formaris ou Roda dos Mouros -doados de ver desde a N-550- até a antiga estación do ferrocarril da Sionlla: muíños, vivendas tradicionais, hórreos e palleiras, etc.
A exposición que hoxe inauguramos fai un pequeno percorrido por todos estes aspectos; ao longo da visita, a veciñanza e o resto da cidade -cando entre en rotación por outros barrios- coñecerán un pouco mais desta outra Compostela, rural e conservadora das mais antigas tradicións.

O PEQUENO GRAN COMERCIO COMPOSTELÁN

Onte pechamos a exposición “A historia do comercio en Compostela”, organizada dentro do programa de actos do mes do comercio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Santiago.
Foi unha pequena homenaxe a este sector tan fundamental para a vida da cidade, tanto que a propia Compostela e os seus veciños non existirían de non ser polo esforzo permanente dos comerciantes que trouxeron os alimentos, as ferramentas, as roupas, etc. En fin, todo o necesario para a vida.
Constituíu tamén un primeiro intento por localizar e valorizar o patrimonio ligado a esta actividade económica. A pesares da limitación dos espazos de almacenamento, da fugacidade das modas ou mesmo, do paso das xeracións e os tempos, son moitos os establecementos que conservan os testemuños do seu pasado. Nas nosas vitrinas ou a través de fotografías puidemos ver unha pequena mostra.

UNHA HISTORIA CERTAMENTE DOCE

A acollida do noso estudo sobre a dozaría tradicional galega esta sendo moi boa. Sen dúbida o tema merece os comentarios que lle dedicaron culturagalega ou Galiciagastronómica. O título “O Libro de cabeceira dos larpeiros” que lle asignan os de Vieiros é acertado aínda que se cadra vai mellor coa obra de Fina Casalderrey e Mariano García, ou mesmo cos consellos de Miguel Vila en Colineta. Un saúdo agradecido a todos.

HISTORIA DA DOZARÍA TRADICIONAL GALEGA

Onte tivo lugar a presentación do noso último libro: Historia da dozaría tradicional galega publicado pola Consellaría de Medio Rural. Esta obra é froito dunha investigación que, ao cabo, tivo uns interesantísimos resultados; sobre todo, deunos oportunidade de achegarnos a un mundo a cotío esquecido de xentes de recibiron e transmiten un saber herdado de moitísimas xeracións, unha parte básica sen dúbida do patrimonio inmaterial dos galegos.
A todos eles e elas, novamente, o noso agradecemento; ao público, bo proveito!