Loading images...

Archivo de la categoría ‘Divulgación’

Comercio emblemático de Compostela.

O pasado outono inauguramos en Santiago unha exposición dedicada a poñer en valor o papel do pequeno comercio como emblema e símbolo da cidade. Foi un traballo complicado pola falta de referentes históricos e bibliográficos pero moi gratificante porque tivemos oportunidade de achegar á cidadanía unha parte da súa historia que é bastante descoñecida. Foi un encargo do Concello de Santiago de Compostela, concretamente do departamento de Comercio.

A expo tiña dúas partes diferenciadas.

Unha delas estaba dedicada aos establecementos que a Mesa do Comercio de Santiago considerou que debían ser sinalados como emblemáticos; son aqueles, uns máis antigos e outros máis recentes, que significan algo para a veciñanza e son un referente no seu sector ou no seu barrio, pola calidade da súa oferta ou servizo, polo innovador que é, pola súa antigüidade… cada un por unha cousa, premiaronse a unha serie de establecementos. Son os primeiros dunha distinción chamada a continuar nos anos que virán. Era unha mostra fotográfica cunhas espectaculares imaxes de Afonso Sestelo

Na segunda parte, o contido centrábase en amosar a evolución dos comercios, eses espazos tan ligados non só á vida mercantil senón tamén á memoria da veciñanza e á imaxe da propia cidade por canto coa súa faciana, escaparates ou rótulos marcan de xeito sinalado á cidade e as súas rúas. Nesta parte combinaronse textos e imaxes identificadas ao longo da investigación histórica; seguindo o seu fío puidemos amosar como se foi pasando dos postos e estaribeis na rúa aos luxosos comercios actuais, cos seus escaparates, moblaxe individualizada, etc.

A expo pechou en decembro pero recentemente o concello puxo en marcha a posibilidade de facer unha visita virtual na que se poden consultar os textos e imaxes, novamente da man de Afonso Sestelo, que fixo un magnífico traballo.

Podedes todavía, se queredes saber algo máis sobre o comercio compostelán e pasar un rato agradable e divertido, descargar e intentar o reto que propón a app Desafio Comercial SCQ,

 

Historias de mulleres: as candeeiras de Santiago

chandler-400A historia das mulleres é un territorio enorme por explorar. E a investigación vai demostrando como, a medida que coñecemos mellor ás antepasada, caen bastantes tópicos. Un deles é o de que a muller sempre estivo na casa, coidando do fogar e os fillos; a verdade é que esa foi a realidade de moitas pero non é menos certo que outras traballaron para fóra, por gusto ou por necesidade. Mesmo houbo oficios específicamente femininos, como a venda de comestibles polo miúdo nos mercados, a limpeza das roupas, … un deles é o das candeeiras que había na catedral de Santiago.

Este oficio existe desde os tempos medievais e é exclusivamente feminino. Elas eran as que en exclusiva vendían dentro do templo e nas portas vendían as candeas que entregaban como ofrenda as persoas que visitaban os seus altares e capelas.

Non era, polo tanto, un oficio baladí e seguramente tiña bos rendementos. A principios do século XV, 29 mulleres tiñan este negocio e exercían grazas a un título concedido polo cabido ou sexa, nun réxime parecido á actual concesión. Eran postos en réxime de propiedade pois podían deixalos en herdanza ou cedelos a outras mulleres; en caso de vacante, era o cabido quen nomeaba á nova beneficiaria.

As candeeiras poderían ser encadradas neses grupos medios urbanos aos que pertencen os comerciantes e artesáns. Dalgunhas podemos establecer o seu parentesco con familias da pequena burguesía, doutras a súa proximidade aos cóengos e outros cregos catedralicios, da maioría só coñecemos o seu nome.

Paseando hoxe en día polos arredores da catedral, parece inevitable pensar nelas como as antecesoras desas outras mulleres que todos os días -chova ou faga sol- arman e desarman os tradicionais postos de vendas de souvenirs. Outros tempos, outras mulleres.

Compostela, 1653: a acollida aos refuxiados

Juan o'doghertyNestes días nos que as imaxes de persoas que buscan unha nova vida lonxe da guerra, a persecución ou a miseria compre lembrar un episodio pouco coñecido da historia compostelá e galega: o da acollida que se deu ás distintas vagas de refuxiados irlandeses entre os séculos XVII e XVIII.

Os católicos irlandeses fuxían da guerra no seu país e da persecución política e relixiosa. Os primeiros foron grupos de militares e podemos documentalos en 1602. Eran poucos e de boa posición económica e social en orixe asi que na súa maioría acabaron integrandose nos exércitos da Coroa. Para educar aos seus fillos naceu o Colexio dos Irlandeses, na compostelá Rúa Nova.

Durante décadas foron chegando, pouco a pouco e, paseniñamente foron asimilados á veciñanza.

En 1653, Cromwell leva a cabo a unificación de Irlanda e Gran Bretaña. Comeza daquela un verdadeiro éxodo non só de militares, cregos e homes da nobreza senón de grupos familiares completos.

Chegaron en masa ao porto da Coruña, desbordando as capacidades da administración da Real Audiencia. Nunha Galicia xa esforzada fiscalmente, con constantes dificultades para o abastecemento de alimentos nas cidades e castigada con frecuencia por peste e andazos, o socorro aos refuxiados plantexábase como unha tarefa titánica.

O Gobernador armou cupos e repartiunos en función da capacidade de cada provincia. Á de Santiago (que equivale á diocese actual) corresponderonlle 953 homes (coas súas familias ou acompañantes). O esforzo colectivo foi importante pois xa a capital e vilas como Pontevedra eran recurrentemente invadidas polos pobres que fuxían da fame dos campos.

Houbo, como era de agardar queixas derivadas do sacrificio económico que se pedía á veciñanza ou ás tensións que esta nova poboación xeraba no precario sistema de abasto de alimentos; tamén agromaron medos, que derivaban sobre todo das diferencias culturais e do feito de que algúns dos refuxiados eran homes novos sen oficio recoñecido (algo sempre sospeitoso naqueles tempos). Pero o certo é que onde non había moito, repartiuse e os rexistros parroquiais amosan como progresivamente os irlandeses foron integrandose na vida da cidade e mesturandose coas familias locais de xeito que en poucas xeracións perdeuse o seu rastro. Hoxe, de feito, nin lembramos a súa historia nin a da cidade que os acolleu.

Despois desta gran fuxida aínda houbo outras que foron sempre de menor entidade. Nunha delas chegou John O’Dogherty. Chegado a Galicia en 1790, incorporouse á Real Armada; acabou sendo un dos heróes máis sinalados da Batalla de Ponte Sampaio.

Quen sabe! se cadra sen el e sen a acollida que recibiu ao chegar, a nosa historia tería sido diferente.

A FESTAS DO APÓSTOLO, O QUE NON SABÍAS

alamedaEn Compostela, as festas na honra do patrón Santiago son de sempre o maior acontecemento no ciclo anual da cidade. As funcións relixiosas eran as máis solemnes, sofisticadas e concorridas de cantas ao longo do ano había na basílica pero había tamén unha parte lúdica e festiva.
Son ben coñecidas as touradas e os espectáculos pirotécnicos, tamén a concorrencia de compañías teatrais e a chegada de tratantes e bestas á Feira, que era unha das máis importantes do reino. Pero había tamén unha concorridísima carreira hípica, a do Cendal e mesmo torneos cabaleirescos, procesións cívicas, concertos de Banda, “paseo de moda”,… e, como non, iluminacións artísticas na Alameda e no Obradoiro. Mudaron moitas cousas, pero perviven outras.

Na nosa Factoría dehistoria, deixamosvos unha pequena nota sobre o tema.

 

 

 

 

 

O “making off” do Tesouro de Francisco Asorey

O TESOURO

Hai uns meses, traballando nun proxecto de dinamización do comercio compostelán atopamos unha entrevista a Manuela Sánchez a muller que serviu de modelo para a moza de O Tesouro, unha das obras máis coñecidas do escultor cambadés Francisco Asorey. Este primeiro Día das Artes Galegas, aínda que dedicado ao Mestre Mateo, é unha boa oportunidade para dar a coñecer esta curiosa perspectiva dunha das pezas senlleiras do noso patrimonio artístico.

 

Conta Manuela Sánchez, que en 1955 estaba xa casada e vivía en Montevideo, que o escultor fixouse nela un día de 1925 cando se cruzaron en San Roque. Ela traballaba por alí, como costureira ganando un xornal de 5 reais diarios; el tiña o seu estudo nas proximidades.

A inspiración foi instantánea pois aínda non chegara ao obradoiro cando lle chegou recado de que Don Paco quería que fora a modelo dunha das súas obras. Para a moza a proposta era insólita pois non sabía ben en que consistiría o oficio pero o artista era ben coñecido e querido no barrio asi que aceptou. Iso si, iría acompañada dunha muller maior, para calmar os medos da familia.

Durante tres meses acudiu diariamente ao estudo do escultor e ao cabo, naceu esta obra icónica da nosa cultura.

Podedes ler a entrevista completa que lle fixeron a Manuela en La Noche.

E revisar a obra do escultor da Raza na web da Asociación Cultural Francisco Asorey

Uso de cookies

Este sitio web utiliza Cookies propias e de terceiros para recompilar información coa finalidade de mellorar os nosos servizos. Si continua navegando, supón a aceptación da instalación das mesmas. O usuario ten a posibilidade de configurar o seu navegador podendo, si así o desexa, impedir que sexan instaladas no seu disco duro, aínda que deberá ter en conta que dita acción poderá ocasionar dificultades de navegación da páxina web. Política de cookies - Condicións de uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies