Desde hai séculos, a Ascensión é un día grande en Santiago; é xornada de feira e, ultimamente, tamén de festa. Trátase dun evento moi tradicional, que as xentes de Santiago asocian coa primavera, con paseos e bailes na Alameda e Santa Susana, con barracas e coa feira. Malia que na actualidade se desenvolve, ante todo, coma unha celebración festiva, en orixe naceu coma unha importante feira. Este mercado de gando, sobre todo cabalar, duraba dous días e atraía milleiros de persoas, non só da contorna senón tamén de comarcas máis afastadas; as xentes acudían a comprar e a vender e a cidade enchíase daquela cun enorme balbordo de persoas, animais e mercadorías.
A carballeira e o campo de Santa Susana acollían a feira e as rúas da cidade eran o escenario dos actos festivos que pouco se foron desenvolvendo en paralelo á actividade mercantil. Con todo, a Feira da Ascensión non comezou a ser a Festa que hoxe coñecemos ata a década de 1950, cando os cambios no sector gandeiro supuxeron o esmorecemento das grandes feiras anuais.
Ata entón, as feiras compostelás ―a Ascensión e o Apóstolo― eran un referente no panorama galego e convocaban a centos de gandeiros e tratantes. Viñan de Castela e Portugal a comprar, sobre todo bestas, pero tamén aquelas vacas e bois cebóns de tanta sona; da contorna e de toda a Terra de Santiago chegaban os labregos cos seus animais, os pequenos tratantes, as mulleres co produto das súas hortas, co pan ou cos panos tecidos con tanto esmero. En conxunto, entre todos dábanlle á cidade unha cor e unha alegría moi singulares….
Se queres seguir lendo, descarga o pdf completo