Archivo de la categoría: Divulgación

O monxe intrépido: Fr. Rosendo Salvado

O Consello da Cultura Galega ven de inaugurar en Santiago unha exposición -que xa estivo en Tui- sobre Rosendo Salvado, monxe bieito de orixe tudense que ten un dos periplos vitais máis singulares e interesantes que podades imaxinar. Celebramos este ano o 2º centenario do seu nacemento o que debería servirnos para mellor coñecelo e, de paso, ver o singular fío que nos une ás distantes terras da Australia Occidental.

Si, Australia, pois resulta que este monxe pasou boa parte da súa vida naquelas terras e por isto debe ser que é pouco coñecido entre os galegos, malia ser considerado como un dos persoeiros máis senlleiros da historia aussie polo seu innegable traballo a prol dos dereitos dos nativos aborixes.

Cun feixe de compañeiros, entre os que estaba o seu irmán Santos Salvado -fotografo afeccionado-, fundou nas próximidades de Perth unha comunidade monástica á que dedicou a súa vida e esforzos. En Nova Nursia, fr. Rosendo foi monxe, misioneiro, bispo, músico profesional, labrego, homeópata, mestre, axente de I+D+i, activista polos dereitos dos pobos aborixes, construtor…

Esta conmemoración é unha oportunidade inmellorable para achegármonos á biografía e legado deste home que curiosamente ten aquí unha lenda negra que o vincula -erradamente- coa promoción dos eucaliptos en Galicia.

Nos tivemos a oportunidade de coñecer o seu legado hai algún tempo, ao fío da nosa colaboración con Ficción Producciones  para o programa A Miña Famosa Familia.

Daquela aventura quedaron no noso arquivo notas que hoxe queremos incorporar á nosa Factoría dehistoria e que atinxen non só a súa biografía senón tamén a algún outro tema que axudará a comprender mellor a este personaxe e o seu tempo.

 

 

 

Unha web sobre a Rocha Forte de Santiago

exterior da cerca da rocha forteNestes días vense de facer pública a web sobre o proxecto de investigación do castelo da Rocha Forte; está en Santiago, na entrada sur á cidade, na beira do río Sar.

Como ben lembraredes, este é un proxecto no que nos participamos. A nosa achega foi a busca de documentación histórica, tanto do castelo como da súa contorna máis inmediata. Foi un traballo complicado porque o castelo deixou de existir a finais do século XV; con todo, a investigación da súa contorna -entendida nun perímetro bastante amplo- permitiunos atopar descricións dos chamados suelos de la Rocha, achegarnos á evolución do espazo máis inmediato -a actual aldea da Rocha- ou, mesmo, reconstruír sobre a paisaxe e con bastante claridade a rede de camiños da zona.

O noso traballo completase coa achega do equipo arqueolóxico, de xeito que hoxe temos unha panorámica máis clara do pasado do castelo e da súa contorna, o que nos axuda a entendelo mellor.

Na web tendes non só cronoloxías, biografías e datos varios, senón tamén algunhas partes do noso estudo de documentación histórica, o informe da escavación e algúns vídeos e reconstrucións de moito interese.

 

 

Decembro de 1913: reaparece a Gioconda

Foi nestes días de decembro de 1913 cando por fin se soubo o paradero deste famoso cadro de Leonardo da Vinci.

Fora roubado dous anos antes co plan perfecto armado por unha trama ben organizada: un autor intelectual (o estafador arxentino Eduardo Valfierno), un experto artístico (o francés Yves Chaudron) e un infiltrado (o italiano Vincenzo Peruggia, carpinteiro que neses días traballaba no Louvre).

A idea: roubalo, facer varias copias de extraordinaria calidade e vendelas aos 6 magnates interesados.

Peruggia desarmou o cadro e sacouno baixo agochado no seu gabán. Chaudron fixo copias de extrema fidelidade e calidade (imitando non so a técnica senón mesmo os materiais).

As pescudas policiais foron intensas pero infrutuosas.

Cando menos o agardaban, a finais de 1913, Peruggia intentou vender o cadro en Italia e o ofertou a un marchante que soubo recoñecer o que tiña entre mans. Acabou detido e o cadro foi recuperado.

Peruggia -que nunca delatou aos socios- foi o único que pagou polo roubo aínda que malia ao seu delicto,  foi considerado por moito tempo como un heróe popular italiano, por ter sido quen de retornar a Gioconda ao seu pais natal.

O roubo deixou tras de si varias curiosidades:

• Unha das anécdotas máis curiosas deste suceso é que foron investigados varios artistas e intelectuais do Paris daquel tempo, entre eles a Guillaume Apolinaire e Pablo Picasso que, aínda que foron detidos para seren interrogados foron pronto postos en liberdade. Esta peripecia é a que inspirou o filme La banda Picasso (2013).

• As copias aínda circulan por aí por canto foron vendidas e compradas varias veces; conservan gran valor pola calidade da falsificación e por estar vinculadas a este suceso.

• A posibilidade de ver o espazo -agora baleiro- onde antes estaba o cadro, provocou unha marea de visitantes no Louvre, que bateu records.

• Serviu para dar orixe ao mito deste cadro

Se queredes saber algo máis sobre grandes pinturas que aínda están sendo buscadas, mirade esta páxina.

Sobre a investigación policial, o seguimento que se fixo na prensa española da época ou da emerxencia da Gioconda como icona da Arte, recomendámosvos este ensaio, académico pero ben interesante, do profesor Pascual Molina (Univ. Valladolid)

 

Cuestións triviais (3): A lista dos reis godos

Nestes días, alá polo século VII deixaba o trono dos visigodos, Ervixio o rei que sucedeu a Wamba e precedeu a Éxica. É un fito nun clásico das clases de historia de moitas xeracións de nenos e nenas españois: aquel fío de nomes incomprensibles (Leovixildo, Ataúlfo, Chindasvinto…) que se coñecía como a lista de los reyes godos.

Eran 33 nomes que resumían o saber necesario -daquela- sobre un longo e intenso período histórico que foi de mudanzas, loitas ou conversións relixiosas; de transición do mundo antigo e a romanidade aos tempos medievais.  De feito, a lista de los reyes godos pasou a encarnar en si mesma un modelo educativo baseado na memoria e, mesmo, na explicación de feitos, nomes e cronoloxías.

Hoxe, mesmo nas escolas, prestase maior atención a aquel tempo e as cousas son ensinadas doutro xeito. Con todo, se queredes saber quen eran estes señores, aqui tendes a relación completa.

Como o reino dos visigodos foi algo máis que esta lista de homes senlleiros, recomendamosvos unha ollada a esta presentación, rápida e completa sobre aquel tempo: A Hispania visigoda. E para que vexades cómo se estudan estas cousas agora -e, xa que estamos, facer un repaso-, convidamosvos a revisar esta páxina do IES María Sarmiento (Viveiro) sobre os suevos e os visigodos.

O Castelo da Rocha Forte

exterior da cerca da rocha forteDesde a primavera estamos traballando no proxecto de documentación, escavación e posta en valor do Castelo da Rocha Forte, unha solemne e imponente ruína que está nas afóras de Santiago, na parroquia de Conxo á beira do río Sar.

Nós encargámonos da busca e identificación da documentación histórica relacionada co castelo e a súa contorna. Levamos meses movendo e estudando documentos pero por fin agora, cando case xa rematamos, podemos ver algunhas cousas algo mais claras.

Para quen non coñeza a súa historia é dificil interpretar esta maxestosa ruína; hoxe queda nunha especie de foxo, debaixo do viaduto da Rocha -ese que se pasa cando entramos en Compostela polo Sur-, e ata hai pouco era mais ou menos unha elevación no terreo cuberta de vexetación. Os traballos acometidos por varios equipos da Universidade de Santiago hai algúns anos permitíron albiscar a magnitude do castelo. Agora que está todo descuberto e que podemos documentar a súa historia, as cousas concordan: era o gran castelo do principal señor de Galicia, xa que logo, impoñía a quen o visitara ou o admirara desde a distancia.

Foi construído polo arcebispo D. Xoán Arias -un home do seu tempo, instruído, cosmopolita e bo xestor- e foi finalmente desmantelado por Afonso de Fonseca II, na segunda metade do século XV. Sufriu asedios, incendios, arranxos e ampliacións, como calquera edificio pensado e interpretado como centro de poder. Pero Fonseca só desarmou (e reaproveitou noutros lugares) o que quedaba tras o derrocamento Irmandiño.

Cos traballos arqueolóxicos en marcha, o sitio non pode visitarse nestes días. Nós acudimos á visita guiada que tivo lugar hai unhas semanas, durante a Semana Cultural da Rocha. Naquel día puxemos materiais e coordenadas as ideas e hipóteses que xurdiran no estudo documental. Foi unha visita ben interesante e, chegado o momento, recomendable.

Pódese ver hoxe o que no seu momento (s. XVII) chamaron «los suelos de la Rocha» ou, o que é o mesmo, todo o que quedou a ras de chan e por debaixo del: canles, alicerces da torre de homenaxe, os fundamentos da cerca (con varios metros de altura sobre o piso orixinal), a morea de proxectís de pedra que se lanzaron contra o castelo, os muros derrubados polos Irmandiños, o arranque das torres da muralla, …

E contámosvos todo isto porque hoxe un xornal da cidade -con motivo da visita do alcalde ás escavacións- publica unha completa galería fotográfica na que ademais das instantáneas do acto, temos tomas de moito interese sobre pezas atopadas e o traballo dos arqueólogos.

Podedes mirala clicando aquí. E neste outro enlace, de outro xornal, teredes un apuntamento sobre unha das imaxes da galería, pois parece que foron achados naquel lugar restos humanos.

Se queredes saber máis: