Archivo de la categoría: Divulgación

Un ano sen verán? Pois non seria novidade

A percepción sobre o clima e as consecuencias del na vida cotiá das persoas mudou considerablemente.

Casualmente nestes días nos que miramos con certa ansiedade aos ceos na busca do sol, supostamente primaveral, estamos revisando unha morea de documentación do século XVIII. Son sobre todo documentos relativos á cidade de Santiago aínda que seguramente algunhas das esceas que retratan poderían situarse noutros moitos lugares do pais.

Cunha certa frecuencia, as veces moi seguidos, houbo nese século anos de choivas copiosísimas. Diluvios e tormentas, como dín os documentos. Moi húmidos foron os anos 1710, 1768, 1769 e 1782 e aínda viría algún mais ata ben entrado o século XIX. Neste último ano, pechouse un ciclo de 18 meses de choivas seguidas que provocaron a destrución das colleitas e, finalmente, fame, andazos, emigración ás cidades na busca de alimento e moitas mortes.

Calquera que teña buceado nos libros parroquiais deste século recoñece os sinais: noticias de persoas atopadas mortas nas rúas ou na porta das igrexas, familias devastadas (polo xeral primeiro os cativos, as veces un tras doutro con a penas días de diferencia)… Outros documentos proporcionan relatos moi descritivos que falan de  persoas macilentas e esfameadas que chegan das aldeas, que se amorean para darse calor e recibir pan ou caldo.

En Santiago, cidade sempre pintoresca, aínda tiñan que soportar a imaxe dun cemiterio no centro mesmo do pobo, na praza da Quintana; neses tempos tan saturado que non era visión agradable. Moito protestaron as monxas de San Paio por isto!.

Nos anos malos, a primeiros de maio, as xentes comezaban a temer o peor. É o momento das primeiras rogativas. Os santos protectores son o único amparo pero tamén entre eles hai unha certa xerarquía. Sempre, e en primeiro lugar, a Virxe da Cerca, padroa popular de Compostela. Xa para finais de mes, se non resultaba efectiva, era a ocasión de Santa Susana e a súa reliquia. De ser necesario, en xuño apelábase á bondade do Apóstolo, último recurso que non podía menos que axudar á súa veciñanza.

Os diluvios traían, meses despois, situacións de emerxencia e a cidade respondía con solidariedade: doazóns de gran, implementación de repartos de comida desde as entidades eclesiásticas e confrarías, habilitación de refuxios nos edificios que podían acoller xentes (as veces mesmo nas ruinas, como o claustro do antigo mosteiro de San Pedro)…

Eso si, había bastante bo humor, cando menos unha vez que a vida volvía á normalidade, como delata un informe do propio concello:

la mayor parte del año, por los continuos diluvios de agua que le inundan correspóndele muy bien la descripcion que un autor satírico hizo de ella:

no hay aqui primavera, ni estío

ni otoño hay; todo es invierno frío.

El mar, los montes y profundidades

exhalan vientos, nieblas y humedades

y estos vapores en el Aire unidos

bajan en densas lluvias convertidos

Con este ripio, efectivamente un tanto irónico, quedamos para outro día. Se a cousa continúa falaremos da orixe das nosas queridas katiuskas e a relacion que gardan co mismísimoDuque de  Wellington, heróe de Waterloo.

Cuestións triviais (2): As beguinas

Nestes días púdose ler na prensa sobre o pasamento da última das beguinas europeas. Era  Marcella Pattyn, de 92 anos, a última representante dunha interesantísima forma de vida en feminino que naceu nos séculos medievais.

En efecto, o movemento das beguinas desenvolveuse como unha forma diferente, xenuína e libre de vivir, non só a experiencia relixiosa senón tamén a vida en xeral. Mulleres de toda idade e condición unidas por un desexo común de vivir a súa fe fóra dos muros conventuais, no mundo das xentes corrientes, laicas pero entregadas ás súas conviccións; agrupábanse en casas sen a tutela dun home, traballaban e gañaban o sustento, vivían segundo as súas crenzas eran un exemplo vivo doutra forma de ser e de estar.

Acadaron un enorme éxito no Norte de Europa, moi especialmente nos Paises Baixos onde, segundo parece perviviron ata os nosos días. Deixaron en moitas das cidades nas que viviron sona de solidariedade, fe profunda e xenerosidade. Tamén barrios que conforman pequenas cidades dentro das propias cidades e que hoxe son Patrimonio Mundial da Humanidade.

No noso pais non houbo, que se saiba, experiencias beguinas aínda que si comunidades laicas de mulleres que, en certo modo, poderían asemellarse a elas. Son os oratorios de Santa Cruz (na Coruña) ou de Santa Cristina da Pena (en Santiago), nos que vivían e traballaban mulleres laicas que desde mediados do século XIV dedican á súa vida á oración e a caridade. Insírense dentro da Orde Terceira, aquela na que os laicos viven seguindo as ensinanzas de San Francisco.

Vivían do seu traballo, principalmente atendendo hospitais e alberguerías; tamén de doazóns privadas, xenerosas coa súa singular forma de vida e solidariedade comunitaria. Se cadra por esto mesmo, nunca foron moi ben vistas, tanto polas comunidades conventuais como polas autoridades eclesiásticas e, así, contra mediados do século XV evoluiran xa cara o formato conventual.

 

8 de marzo: Día Internacional da Muller

cartaz dia da muller 2013Nuns días celebraremos a memoria da loita das mulleres polos seus dereitos. Pola igualdade, pola dignidade. É unha historia chea de grandes fitos e pequenos feitos, de persoaxes ben coñecidas e de protagonistas anónimas. Moitos pasos nun longo camiño que aínda non rematou.

Para que vaiades preparando tan singular xornada, queremos animarvos a curiosear nesa cadea de feitos e testemuñas que fai que a nosa vida hoxe sexa máis doada, cando menos nos paises máis ricos (aínda que esteamos instaladas na crise).

Primeiro, unha proposta da nosa factoría dehistoria: o segundo capítulo dun dos nosos libros, no que se recolle resumida a senda percorrida nestes ultimos cen anos. O seu título, a bolsa propia, o principio da independencia.

Despois, este curioso pero entretido vídeo sobre as orixes desta celebración

E de sobremesa, unha visita á páxina oficial da ONU sobre este homenaxe. Inclue, mesmo un avance sobre a canción One Woman, que será estreada este mesmo 8 de marzo.

Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia

escola de tapia (ames)Este é o suxestivo nome dunha exposición que se ve de inaugurar esta semana no MUPEGA. É froito do traballo levado a cabo durante anos polo Consello da Cultura Galega e, concretamente, polo seu e xa que logo, noso Arquivo da Emigración.

Nos colaboramos, no seu tempo, co arquivo neste apaixoante proxecto de catalogación das chamadas escolas de indianos. As escolas -as que aínda hoxe podemos visitar mais tamén as que xa desapareceron- foron seguramente o legado mais prezado que nos deixaron. Tamén o mais visible por canto estes edificios, polo xeral doadamente identificables pola súa elegancia e arquitectura singular, están esparexidos por todo o pais.

Os indianos, non obstante, trouxeronnos outras moitas cousas como unha concepción nova da casa, que se reflicte non so nas súas construcións estilosas senón tamén na conformación da vivenda galega máis recente, algúns costumes culinarios como ese gosto polos froitos exóticos, emprendementos que trouxeron riqueza, un xeito diferente de ver o mundo, os ritmos tropicais que nos engaiolaron… e si, tamén unha certa saudade colectiva por aquelas terras cálidas que figuran no noso imaxinario colectivo como sinónimo do paraíso.

Queremos convidarvos a visitar esta mostra para recoñecer e homenaxear o esforzo destes nosos paisanos. E, xa que estades, aproveitar para coñecer este singular e entretido museo dedicado á historia do noso ensino (as escolas, as aulas, os materiais…).

 

Para quen no poda achegarse: botade un ollo á nota que sobre ela atoparedes no Arquivo da Emigración e ao catálogo, dispoñible para a súa descarga.

Paraxes históricas: Ponte Maceira

vista xeral da Ponte maceiraA nosa paisaxe está fondamente humanizada. Fálanos das experiencias e forma de vida das xentes doutro tempo; eles e elas condicionaron e crearon a súa aparencia actual. Os campos, os camiños, mesmo as cores permiten ler e sospeitar as trazas da vida no pasado.

As veces temos tan interiorizados os lugares nas que transcorre a nosa vida que esquecemos o que hai por debaixo. Compre, xa que logo, pararse un pouco e traer á mente eses testemuños mudos.

Neste inverno diluvial convidamosvos a recoñecer esta paraxe próxima a Santiago: A Ponte Maceira. E, por que non!, a facer unha escapadiña aproveitando a próxima tarde soleada.

Esta ponte de orixe medieval é o espazo máis recoñecible dun feito histórico que acadou sona lendaria: o encontro de Ponte Maceira e a batalla de Altamira.

Indo desde Santiago pasamos os seus fitos máis senlleiros: o vello camiño a Fisterra, a ponte e aldea de Augapesada -onde se concentraron os exércitos nobiliarios-, a Costa de Mar de Ovellas -polo que subiu con sorprendente rapidez unha enorme mesnada-, Carballo -onde se cruzan os camiños- e a Ponte Maceira -onde dous exércitos loitaron con desesperación-.

Á volta, deixando atrás o elegante pazo de Gasamáns é imprescindible un paseiño polas ruinas das torres. Ao seu pe tivo lugar a batalla definitiva que foi, con todo, unha mais das moitas nas que se liaron os arcebispos e os cabaleiros da terra.

Aqui tendes un singular recurso patrimonial, invisible pero disposto a que nós o aproveitemos. Que teñades un bo día!!