A HISTORIA VAI POR BARRIOS

Hoxe foi presentado á prensa o proxecto A Historia vai por barrios que levará a cabo a Rede de Centros Socioculturais da Concellaría de Rehabilitación e Casco Histórico do Concello de Santiago ao longo dos próximos meses.
Neste primeiro trimestre, terá lugar a inauguración do proxecto nos barrios de San Pedro e A Rocha. Xa no 2007, se desplazará a outras zonas da cidade.

A Historia vai por barrios é un proxecto de intervención social no que o pasado dos barrios é utilizado como elemento de dinamización. Será todo un conxunto de exposicións dedicadas a cada barrio e de diversas actividades a desenvolver nos distintos centros socioculturais.

dehistoria pertence ao equipo que desenvolveu o proxecto. Correspóndenos a nós desenvolver a investigación histórica e o deseño dos contidos das exposicións que servirán para amosar o rico pasado histórico dos barrios participantes no proxecto.
Os barrios de Santiago forman parte da mesma esencia da cidade e así o reflicte a súa historia. O pasado das súas rúas e as súas xentes e, en certo modo, a historia mesma da cidade. De feito, propoñemos neste proxecto unha ollada distinta a Compostela, feita desde a humildade dos barrios que en conxunto, onte e hoxe, conforman a cidade.