Onte pechamos a exposición “A historia do comercio en Compostela”, organizada dentro do programa de actos do mes do comercio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Santiago.
Foi unha pequena homenaxe a este sector tan fundamental para a vida da cidade, tanto que a propia Compostela e os seus veciños non existirían de non ser polo esforzo permanente dos comerciantes que trouxeron os alimentos, as ferramentas, as roupas, etc. En fin, todo o necesario para a vida.
Constituíu tamén un primeiro intento por localizar e valorizar o patrimonio ligado a esta actividade económica. A pesares da limitación dos espazos de almacenamento, da fugacidade das modas ou mesmo, do paso das xeracións e os tempos, son moitos os establecementos que conservan os testemuños do seu pasado. Nas nosas vitrinas ou a través de fotografías puidemos ver unha pequena mostra.