PATRIMONIO DE AMES

Estamos levando a cabo un estudo dos recursos patrimoniais do concello de Ames; é un traballo longo, que nos levará aínda algúns meses. É curioso ver como muda radicalmente a nosa perspectiva do pasado, sobre todo dos feitos máis cotiáns, cando visitas os muíños, as aldeas e outros testemuños do pasado e os ves cos ollos da información fornecida polos documentos do arquivo.
As vellas pedras énchense de vida e de historias que nos trasladan ao mundo dos nosos avós e avoas. A unha paisaxe diferente, de agricultura diversificada e unha explotación coidadosa e algo máis racional dos recursos dispoñibles. Ben é certo que aquelo non era unha Arcadia feliz e que a vida da maioría era máis ben miserable, pero ollando con atención hai moito do que aprender.