FONTES CON HISTORIA

Xa está na rúa unha nova publicación sobre a auga; neste caso sobre as fontes da cidade de Santiago encomendada pola Concellaría de Medio Ambiente do concello de Santiago e Aguagest.
Propoñemos nesta ocasión un achegamento diferente ás fontes da cidade que é non só a partir da súa historia senón e, sobre todo, como testemuñas do propio pasado da cidade.
Nun tempo no que a auga non chegaba ás casas por tubarías senón en baldes ou sellas, a construción de fontes significaba posibilidades de crecemento para un barrio e, tamén unha mellor calidade de vida: menos tempos agardando a quenda ao sol ou á choiva, camiñadas máis curtas,… canto debeceron os nosos conveciños e conveciñas por ter unha fonte preto da casa!
Eran daquela infraestruturas máis utilitarias que ornamentais e con todo estaban coidadosamente pensadas e construídas; situadas alí onde chegaban os medios da traída ou onde había un manancial que as facía viables.
Todas gardan a memoria doutro tempo e dunha forma de vida que hoxe dificilmente comprendemos.
Só as de caracter ornamental, como a de Praterías naceron con ese anceio de beleza e de ennobrecemento da vila e das rúas nas que se sitúan. Desa busca por embelecer naceu unha caste de fontes diferentes, máis complexas nas que os xogos da auga teñen tamén o seu lugar.
Tamén naceron daquela as fontes viaxeiras, aquelas que mudaron o seu emprazamento unha vez perdida a súa función inicial, como as que hoxe están en San Roque ou na Alameda.
A máis singular é, no noso gusto, a que temos máis próxima: a da Praza de Fonseca, que leva só unhas décadas transmitindo frescura e sosego a veciñanza e visitantes. Con todo, parece que leva alí toda a vida!

Podedes descargar o folleto na web do concello.

Unha forma excelente de celebrar o Día Mundial da Auga.