O CAMIÑO PORTUGUÉS

A vía de peregrinación que une o Minho con Compostela é un traxecto singular. Ás súas beiras, un feixe de aldeas moi ben conservadas, espazos patrimoniais de grande interese e recunchos verdes -coma este- que queren transportarnos a outro tempo. Compañeiros de viaxe, os xustos, moi lonxe da masificación doutros itinerarios xacobeos.

Temos feito o percorrido identificando aqueles elementos patrimoniais, ambientais, tradicionais e históricos que compre recoñecer para mellor comprender cómo se foi construíndo o Camiño e o territorio e xentes que a el asoman.

É unha mágoa que alguns treitos sexan complicados, como o que atravesa o polígono das Gándaras ou os que cruzan a N-550; a cambio temos oportunidade de descubrir pequenas xoias como a igrexa de San Bartolomé de Rebordáns, a Ponte das Febres, as aldeas de Pontesampaio, Tivó ou Francos e os conxuntos monumentais de Tui, Pontevedra, Caldas de Reis e Padrón.

Foi un dos camiños máis transitados da nosa historia, por isto ao seu carón tiveron lugar acontecementos moi senlleiros do noso pasado: a batalla de Pontesampaio, a de Rande, o primeiro ferrocarril, …

En conxunto, é unha experiencia moi interesante e recomendable en todos os aspectos.