Quen nos ía dicir que acabariamos descubrindo que esta feira é máis antiga do que pode parecer?
A investigación -encargo do Concello de Teo– foi complicada por canto as fontes informativas son escasas e dispersas. Con todo, cuns documentos e outros, fomos quen de reconstruír con rigor (o método científico ante todo) a apaixonante orixe deste evento e mesmo de recuperar datos fiables da súa evolución ata o s. XX.
Descubrimos que, en realidade, no lugar de Francos se celebraban cada ano 3 feiras. Tiñan lugar os días de Pascua de Ramos, Pascua do Espírito Santo (o luns de Pentecostés) e o día de San Martiño (11 de novembro), que todas comezaron a organizarse nos anos centrais do século XVI, que cada unha duraba dous días e, mesmo, que as feiras de primavera se orientaban sobre todo ao trato do gando vacún mentres que o San Martiño sempre preferiu o cabalar.
Todas se desenvolveron con bastante éxito ata o s. XIX cando as feiras de primavera esmoreceron ata desaparecer.
Hoxe so queda o San Martiño que foi quen de adaptarse aos novos tempos sen perder a súa esencia gandeira e labrega. É asi como intentará acadar o título de Festa de Interese Turístico Galego.
Na Factoría dehistoria atoparedes un resumo dos resultados da investigación.