A chegada da primavera é unha boa razón para sair e coñecer máis de preto a riqueza do noso patrimonio. É tamén unha boa oportunidade para que entidades e comunidades locais fagan un esforzo por achegar o seu legado material e inmaterial tanto á veciñanza como ás xentes que veñen de lonxe.
En efecto, o turismo que toma como referente o patrimonio (artístico, ambiental ou etnográfico) pode constituírse como unha fonte de riqueza para os nosos pobos e de valores positivos para toda a cidadanía. Agora ben, debe concibirse pensando na súa sustentabilidade e no futuro das comunidades que o proxectan: humildade ante o que nos foi legado, interese por unha protección coidadosa e un mellor coñecemento deben ser as bases sobre as que se apoie calquera iniciativa deste tipo.
O turismo baseado no patrimonio non necesariamente precisa de obras ou custosos proxectos de rehabilitación e posta en valor; ás veces compre un pouco de imaxinación e, sempre, un mellor coñecemento dos bens culturais, naturais e inmateriais. Non abonda unha recopilación superficial de datos ou unha descrición básica do que calquera pode ver a simple vista.
A posta en valor non debe contentarse co beneficio económico derivado da chegada dos visitantes, debe aspirar a despertar neles sentimentos sobre a súa identidade, o seu compromiso coa conservación e protección do patrimonio, a admiración pola complexidade do pasado e a súa influencia na nosa vida e no que nos rodea.
É a investigación, a busca de novos datos e interpretacións, o que aporta calidade e novo valor aos espazos e obxectos do pasado; nela reside a mellor ferramenta para facer deles un instrumento que permita crear riqueza e futuro.
Visto nun contexto amplo e comprensible ata o muíño máis sinxelo se nos presenta como unha peza única e singular, irrepetible e admirable.
As novas tecnoloxías -e o seu crecente uso por parte da cidadanía- permiten hoxe en día novas aproximacións neste tipo de iniciativas; permiten implementar, por exemplo, roteiros e contidos que se desenvolven sen impacto visible e que poden ser adaptados a todo tipo de usuarios e usuarias.
Nesta primavera, que chega vizosa e algo adiantada, queremos compartir con vós novamente un dos nosos traballos neste campo. Así, na Factoría dehistoria, ofrecemosvos catro roteiros (un por provincia), propostas innovadoras para visitar, gozar e aprender en outros territorios do noso pais.