Boa Pascua!

roscas de pascua das madriñas

Agora que vimos de gozar da tradicional rosca de Pascua, convén facer unha pequena homenaxe a este doce tan saboroso. É en si mesmo todo un agasallo da nosa máis antiga historia gastronómica.

Na teoría, é algo sinxelo de facer pois é unha masa de ovos, fariña, manteiga, fermento, azucre, unha chisca de sal e esencia de anís; na práctica é froito dun proceso laborioso que comeza semanas antes da fornada, xa que as roscas de verdade fanse con ovos e manteiga da casa. Os primeiros só necesitan ser recollidos e gardados pero a manteiga (tamén chamada manteca) hai que facela a partir da tona do leite.

Antes e agora, as madriñas pensan nas roscas con tempo de antelación. Segundo o número de afillados é que se estima a cantidade de fariña a amasar, que non é doada de amasar xa que en realidade trabállanse con ela todos os outros ingredientes. E hai que deixala levedar, e logo hai que estirar as roscas (ou os trenzados) e novamente agardar a que veñan (suban). Finalmente, lústranse con ovo batido e se adornan con froitas e azucre húmido, xa cando van para o forno.

Era costume cocer as roscas no forno da casa pero alí onde era posible tamén se cocía no forno do panadeiro/a xa que polo seu maior tamaño permitía apurar o proceso. Porque cun procedemento laborioso coma este case tanto ten amasar un kilo que catro: é necesario moito tempo e unhas condicións ambientais que garantan un correcto desenvolvemento da masa.

Como non sempre era posible amasar no forno, moitas madriñas amasaban na casa (había quen metía a masa na cama para que non perdera calor) e logo ían a estirala ao no forno, onde levaban a cabo todas as outras operacións. Era unha xornada especial, de traballo, consellos, moita charla e bastante apuro porque unha vez que as roscas veñen para arriba hai que preparalas e cocelas para que non se estrague todo o esforzo. E nesto, os fornos grandes de pan eran unha vantaxe a ter moi en conta!

O resultado: rúas e camiños que arrecendían a rosca e anís, mulleres fachendosas do seu esforzo e nenos e nenas que devecían pola súa peza.

As roscas teñen a súa orixe remota nas regueifas e pans doces que xa citan os nosos documentos medievais, as que deron orixe aos cantos de regueifa e que tan fondamente se vinculan á Pascua e aos casamentos.

Antes dos froitos confeitados viñan adornadas con ovos -sino cristián da resurección e da nova vida-. Con eles as madriñas desexaban aos afillados e afilladas (cada ano e no día do casamento) unha vida venturosa.

Facelas, regalalas e degustalas é unha homenaxe a esa antiga tradición e ás mulleres que a construíron.

Boa Pascua!