Un 17 de abril de 1788 naceu en Portas Domingo Fontán, profesor universitario, matemático e cartógrafo. Foi unha desas persoas que marcou unha diferencia, xa que o seu traballo permitiu aos galegos e galegas ver o seu país con outros ollos. Tal é a relevancia da súa contribución, que hoxe repousa no Panteón de Galegos Ilustres, aínda que o certo é que non deixa de ser un ilustre descoñecido para a gran maioría do público.
Para dehistoria, pola contra, é un persoeiro ben coñecido por canto foi obxecto de dous dos nosos traballos: un capítulo da serie divulgativa A miña famosa familia, que no seu tempo emitiu a TVG e unha pequena colaboración na exposición Innovación e territorio: o legado de Domingo Fontán ao século XXI, organizada pola Universidade de Santiago.
Hoxe queremos lembralo e convidarvos a coñecer mellor a súa inxente e brillante obra: compartimos con vós -na sección factoría– o texto da nosa colaboración na exposición e vos animamos a botar un ollo á web da fundación que custodia o seu legado, que ten moita información, documentos dixitalizados, enlaces a vídeos, etc.