250 anos do San Froilán

San FroilánO San Froilán de Lugo está de aniversario. Fai 250 que se celebrou na cidade de Lugo a primeira feira nos días arredor de San Froilán, na primeira quincena de outubro. Xa choveu desde entón e o Concello de Lugo, encargou a dehistoria a realización da investigación histórica necesaria para a montaxe e os contidos dunha exposición conmemorativa desde aniversario.
Ó longo destes séculos, como demostrou a nosa investigación, o San Froilán foi un poderoso reclamo para que xentes de toda Galicia e das provincias limítrofes acudiran á cidade. Nestes días podíase disfrutar do mellor que en cada tempo se podía ofrecer: música, literatura, cultura, novidades tecnolóxicas, espectáculos inusuais… Asi, o que comezou sendo unha feira para reanimar a maltreita economía local e unha pequena festa relixiosa na honra do santo, acabou sendo un evento de primeira magnitude que convoca hoxe en día a xentes de todas partes. O seu éxito está no bó facer pero, sobre todo, en saber adaptarse ós tempos sen perder a súa verdadeira esencia.