Festas, xigantes e cabezudos

Hoxe é o día da Ascensión e onte os cabezudos bailaron ao pe da nosa porta.

Esta é unha das festas patronais de Compostela. Ten unha longuísima historia que nos ven a contar, principalmente cómo unha feira (de gando, apeiros, alimentos e panos) se foi convertindo nunha festa urbana; é un proceso relativamente común seguido por outros eventos como o San Froilán, nun desenvolvemento que está moi ben explicado nun pequeno artigo do Prof. Saavedra Fernández.

Un dos fitos clásicos das grandes festas desta cidade é a saída e baile dos xigantes (os Cocos) e os cabezudos. Estas fermosas pezas de cartón, coas súas cores brillantes e roupas elegantes son unha parte innegable non so das lembranzas das xentes de Compostela e de moitos outros lugares de Galicia senón tamén do seu patrimonio inmaterial: deseñalos, construílos ou facelos bailar son saberes e destrezas que se transmiten de xeración en xeración, que se crean e transforman segundo o ritmo dos tempos. Segundo contan os etnógrafos, a súa presenza nas rúas transmite ao público conceptos sobre a autoridade, o respecto ou o sentido do humor. Como calquera outra tradición son o pouso que queda dos que foron antes que nós.

En concreto, a historia dos xigantes e cabezudos composteláns é ben longa e podemos documentalos desde o século XVII e a súa posta en escea, singular, o que sen dúbida nos leva a miralos con outros ollos.