Estamos a participar no proxecto arqueolóxico-social da Torre dos Mouros armado arredor do xacemento arqueolóxico do mesmo nome que está no antigamente chamado Monte de Lira, na parroquia deste nome en Carnota.
É unha iniciativa distinta, que procura a implicación conxunta de expertos (arqueólogos, comunicadores, historiadores…) e sociedade, sendo esta busca da implicación das xentes (veciñanza, científicos, internautas) o que nos resulta especialmente atraínte.
Evidentemente tamén o obxecto de estudo: o emprazamento.
A nosa achega consistirá en buscar e -no mellor dos casos- recuperar e artellar os datos históricos sobre a Torre dos Mouros e a súa contorna.
É tarefa complicada por canto as primeiras incursións nos arquivos e bibliografía parecen desfigurar un lugar (a parroquia de Lira) que aos nosos ollos é un territorio moi concreto, pero xa veremos o que da de si o asunto.
Para ver de aclarar o asunto, comezamos polos recursos habituais: Catastro de Ensenada e Diccionario Geográfico Estadístico Histórico de España y sus territorios de Ultramar.
O Dicionario de Pascual Madoz, gardaba para nós unha pequena sorpresa: a entrada da parroquia de Lira escapa ao sincretismo tan habitual nesta obra, que apenas da os datos básicos da poboación que describe, e nos da noticia da existencia no cumio do monte Garganta das torres denominadas Torres dos Mouros. Boa nova!
A obra de Madoz, con todo, ten que ser estudada con coidado por canto non estamos ante unha achega informativa que podamos contrastar (non coñecemos as súas fontes). É polo xeral un autor solvente pero será o noso cometido buscar os datos que nos permitan afirmar ou desmentir esa interesante noticia e, interpretala chegado o momento. Que debemos entender por Torres? Toma este dato doutro autor anterior? Quen é? É fiable?
Por certo, máis alá da súa obra, Pascual Madoz desempeñouse como un estudoso que entrou no campo da política, cun compromiso claro polo progreso; que foi quen de sacar adiante algúns interesantes proxectos, entre eles unha lei de Desamortización menos famosa pero mais efectiva que a de Mendizabal.
O seu Diccionario está dispoñible na Biblioteca Virtual de Andalucía