Con esta entrada queremos iniciar unha nova sección, de periodicidade pouco establecida, na que desvelaremos consellos, coñecementos, ideas…, que queren achegarvos a outra cara dos acontecementos e procesos históricos. Nada complicado, so aqueles detalles que as historiadoras sabemos, ben porque somos xente moi lista ben porque era de obrigado estudo nos exames da facultade. Pode, mesmo que polas dúas cousas.
Este primeiro post quere facerse eco da publicación recente de Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, do inmortal F. Petrarca da man de Darío Xohán Cabana. Seguro que todas vos oíchedes falar deste famoso poeta, entre outras cousas porque tamén vos foi materia de exame. Si, o Bocaccio -por certo, bo amigo seu- e o seu Decameron tinan mellor pinta pero…
O que moita menos xente sabe é que Francesco Petrarca fixo unha contribución senlleira noutros aspectos da nosa vida. En primeiro lugar, foi un apaixoado, coincienzudo e rigoroso coleccionista, crítico e editor de textos clásicos; xa que logo, foi un puntal do redescubrimento da Antigüidade que levou ao Renacemento.
Tamén, como ben nos amosou o Prof Petrucci, sabio da paleografía do s. XX, Petrarca foi quen de deseñar un sistema claro para as edicións literarias; foi o primeiro en coidar ata o extremo a posta en páxina, a presentación da súa obra para favorecer a comodidade na lectura e no estudo. En certo modo, o sistema das notas ao pe e a marxe do texto principal, co que comodamente podemos ler e sobre todo entender a literatura doutro tempo, débelle moito.
Pero aínda hai mais. Sempre pensando na comodidade do lector promoveu o desenvolvemento dun novo tipo de letra, claro e doado ao ollo, poñendo en marcha o proceso que cristalizaría co nacemento e difusión da chamada “letra humanista”.
Nela se inspira a nosa propia, esa que usamos todos os días e mesmo a famosa Times New Roman que atoparás no teu procesador de textos.