Este é o suxestivo nome dunha exposición que se ve de inaugurar esta semana no MUPEGA. É froito do traballo levado a cabo durante anos polo Consello da Cultura Galega e, concretamente, polo seu e xa que logo, noso Arquivo da Emigración.
Nos colaboramos, no seu tempo, co arquivo neste apaixoante proxecto de catalogación das chamadas escolas de indianos. As escolas -as que aínda hoxe podemos visitar mais tamén as que xa desapareceron- foron seguramente o legado mais prezado que nos deixaron. Tamén o mais visible por canto estes edificios, polo xeral doadamente identificables pola súa elegancia e arquitectura singular, están esparexidos por todo o pais.
Os indianos, non obstante, trouxeronnos outras moitas cousas como unha concepción nova da casa, que se reflicte non so nas súas construcións estilosas senón tamén na conformación da vivenda galega máis recente, algúns costumes culinarios como ese gosto polos froitos exóticos, emprendementos que trouxeron riqueza, un xeito diferente de ver o mundo, os ritmos tropicais que nos engaiolaron… e si, tamén unha certa saudade colectiva por aquelas terras cálidas que figuran no noso imaxinario colectivo como sinónimo do paraíso.
Queremos convidarvos a visitar esta mostra para recoñecer e homenaxear o esforzo destes nosos paisanos. E, xa que estades, aproveitar para coñecer este singular e entretido museo dedicado á historia do noso ensino (as escolas, as aulas, os materiais…).
Para quen no poda achegarse: botade un ollo á nota que sobre ela atoparedes no Arquivo da Emigración e ao catálogo, dispoñible para a súa descarga.