Nestes días, alá polo século VII deixaba o trono dos visigodos, Ervixio o rei que sucedeu a Wamba e precedeu a Éxica. É un fito nun clásico das clases de historia de moitas xeracións de nenos e nenas españois: aquel fío de nomes incomprensibles (Leovixildo, Ataúlfo, Chindasvinto…) que se coñecía como a lista de los reyes godos.
Eran 33 nomes que resumían o saber necesario -daquela- sobre un longo e intenso período histórico que foi de mudanzas, loitas ou conversións relixiosas; de transición do mundo antigo e a romanidade aos tempos medievais. De feito, a lista de los reyes godos pasou a encarnar en si mesma un modelo educativo baseado na memoria e, mesmo, na explicación de feitos, nomes e cronoloxías.
Hoxe, mesmo nas escolas, prestase maior atención a aquel tempo e as cousas son ensinadas doutro xeito. Con todo, se queredes saber quen eran estes señores, aqui tendes a relación completa.
Como o reino dos visigodos foi algo máis que esta lista de homes senlleiros, recomendamosvos unha ollada a esta presentación, rápida e completa sobre aquel tempo: A Hispania visigoda. E para que vexades cómo se estudan estas cousas agora -e, xa que estamos, facer un repaso-, convidamosvos a revisar esta páxina do IES María Sarmiento (Viveiro) sobre os suevos e os visigodos.