Foi nestes días de decembro de 1913 cando por fin se soubo o paradero deste famoso cadro de Leonardo da Vinci.
Fora roubado dous anos antes co plan perfecto armado por unha trama ben organizada: un autor intelectual (o estafador arxentino Eduardo Valfierno), un experto artístico (o francés Yves Chaudron) e un infiltrado (o italiano Vincenzo Peruggia, carpinteiro que neses días traballaba no Louvre).
A idea: roubalo, facer varias copias de extraordinaria calidade e vendelas aos 6 magnates interesados.
Peruggia desarmou o cadro e sacouno baixo agochado no seu gabán. Chaudron fixo copias de extrema fidelidade e calidade (imitando non so a técnica senón mesmo os materiais).
As pescudas policiais foron intensas pero infrutuosas.
Cando menos o agardaban, a finais de 1913, Peruggia intentou vender o cadro en Italia e o ofertou a un marchante que soubo recoñecer o que tiña entre mans. Acabou detido e o cadro foi recuperado.
Peruggia -que nunca delatou aos socios- foi o único que pagou polo roubo aínda que malia ao seu delicto, foi considerado por moito tempo como un heróe popular italiano, por ter sido quen de retornar a Gioconda ao seu pais natal.
O roubo deixou tras de si varias curiosidades:
• Unha das anécdotas máis curiosas deste suceso é que foron investigados varios artistas e intelectuais do Paris daquel tempo, entre eles a Guillaume Apolinaire e Pablo Picasso que, aínda que foron detidos para seren interrogados foron pronto postos en liberdade. Esta peripecia é a que inspirou o filme La banda Picasso (2013).
• As copias aínda circulan por aí por canto foron vendidas e compradas varias veces; conservan gran valor pola calidade da falsificación e por estar vinculadas a este suceso.
• A posibilidade de ver o espazo -agora baleiro- onde antes estaba o cadro, provocou unha marea de visitantes no Louvre, que bateu records.
• Serviu para dar orixe ao mito deste cadro
Se queredes saber algo máis sobre grandes pinturas que aínda están sendo buscadas, mirade esta páxina.
Sobre a investigación policial, o seguimento que se fixo na prensa española da época ou da emerxencia da Gioconda como icona da Arte, recomendámosvos este ensaio, académico pero ben interesante, do profesor Pascual Molina (Univ. Valladolid)