O Consello da Cultura Galega ven de inaugurar en Santiago unha exposición -que xa estivo en Tui- sobre Rosendo Salvado, monxe bieito de orixe tudense que ten un dos periplos vitais máis singulares e interesantes que podades imaxinar. Celebramos este ano o 2º centenario do seu nacemento o que debería servirnos para mellor coñecelo e, de paso, ver o singular fío que nos une ás distantes terras da Australia Occidental.
Si, Australia, pois resulta que este monxe pasou boa parte da súa vida naquelas terras e por isto debe ser que é pouco coñecido entre os galegos, malia ser considerado como un dos persoeiros máis senlleiros da historia aussie polo seu innegable traballo a prol dos dereitos dos nativos aborixes.
Cun feixe de compañeiros, entre os que estaba o seu irmán Santos Salvado -fotografo afeccionado-, fundou nas próximidades de Perth unha comunidade monástica á que dedicou a súa vida e esforzos. En Nova Nursia, fr. Rosendo foi monxe, misioneiro, bispo, músico profesional, labrego, homeópata, mestre, axente de I+D+i, activista polos dereitos dos pobos aborixes, construtor…
Esta conmemoración é unha oportunidade inmellorable para achegármonos á biografía e legado deste home que curiosamente ten aquí unha lenda negra que o vincula -erradamente- coa promoción dos eucaliptos en Galicia.
Nos tivemos a oportunidade de coñecer o seu legado hai algún tempo, ao fío da nosa colaboración con Ficción Producciones para o programa A Miña Famosa Familia.
Daquela aventura quedaron no noso arquivo notas que hoxe queremos incorporar á nosa Factoría dehistoria e que atinxen non só a súa biografía senón tamén a algún outro tema que axudará a comprender mellor a este personaxe e o seu tempo.