Esta fin de semana estamos todos e todas convidadas á celebración do Ribadeo indiano, unha sorte de celebración que por uns días levará á vila e a quen a visite aos finais do s. XIX e principios do XX.
É unha iniciativa refrescante nestes tempos nos que agroman feiras medievais con dubidosa conexión coa realidade pasada e un xeito interesante de poñer en valor este período da historia da Mariña e o patrimonio -sinaladamente arquitectónico- que nos deixou.
O que moita xente non sabe é que nestes tempos dos indianos, alén do viño e as bebidas de orixe ultramarino, como o ron, na contorna de Ribadeo tiña grande aceptación un licor algo raro denominado Kümmel ou, simplemente, cumel e que este produto chegou a coñecerse en Madrid como «licor de Ribadeo».
O Kümmel é un licor algo áspero e forte, de sabor doce, que ten como ingrediente principal o comiño. Chegou a Ribadeo a partir do século XVIII, cando neste porto se estableceu unha ruta marítima cara os portos do Mar Báltico, nomeadamente a Riga (Letonia) de onde se importaban liños e cáñamos para a industria local de tecidos.
No século XX as turbulencias políticas acabaron cortando os subministros directos desta bebida e os cambios nos gustos foron lateralizando este licor tan singular; non obstante, moitas foron as familias de Ribadeo que desenvolveron receitas propias pois era bebida indispensable para os padais máis larpeiros -que mesmo o sorbían a través dun terronciño de azucre, por se non era doce dabondo- e o ingrediente segredo do Pato á moda de Ribadeo que tanto ensalzou Cunqueiro.