En 1914 tivo lugar un achado que revolucionou os coñecementos sobre a lírica medieval galego-portuguesa. Pedro Vindel, libreiro, atopou nun vello exemplar dunha obra de Cicerón un pergamiño que acabaría levando o seu nome.
O Pergamiño Vindel contiña un cancioneiro do poeta galego Martín Códax e, o que é máis relevante, a música que acompaña a 6 das sete pezas que recolle. Por vez primeira, quedou probado que as nosa lírica profana naceu para ser acompañada por música, máis para ser interpretada ante un público que para ser lida no recollemento individual.
Foi un descubrimento capital que inseriu esa poesía nun contexto diferente; a súa sonoridade, ritmo, a lingua mesma, teñen un novo significado sobre o que os investigadores reflexionaron e traballaron durante este século.
A obra do xograr Martín Códax está indisolublemente unida a Vigo, que era un lugar aínda pequeno pero que comezaba a agromar; a hoxe cidade é o pano de fondo das inquedanzas da moza enamorada, o escenario dos santuarios aos que acode, o espazo deses bailes que doadamente imaxinamos ao ler as cantigas (por exemplo, a sexta), o mar que a acompaña mentres agarda.
A Noite Branca que se celebra en Vigo este 8 e 9 de agosto, terá como lema e obxectivo, precisamente achegar á cidadanía o Pergamiño Vindel, o Vigo Medieval e a figura de Martín Códax. Si, o centenario do achado é unha oportunidade excepcional para revisitar o pergamiño e o poeta que fixeron universal a lírica profana galega.
Aquí podedes descargar o pdf do folleto sobre o evento, que contén todos os textos.