En breve celebraremos o centenario da chamada Tregua de Nadal, un alto -breve e informal- na I Primeira Guerra Mundial no que os soldados dos dous bandos compartiron comida, oracións e sentimentos.
Non foi en todas as frontes, nen ao mesmo tempo; algúns mesmo xogaron tamén un partidiño de futbol. En ningún caso tiveron autorización dos altos mandos, desconfiados do resultado da confraternización.
Este foi, sen dúbida, un deses episodios que amosan o lado humano dos conflictos bélicos. Esta guerra, que ía a ser a máis rápida, é tan próxima a nos -no tempo e na mentalidade- que conservamos moitísimos testemuños non só dos mandamases senón tamén dos soldados e dos civís e é doado comprender o seu medo, cansanzo, morriña…
Con motivo do centenario, un senfín de proxectos nos axudan a achegarmonos a aquela guerra e ao seu tempo. Podedes aproveitar estes días para curiosear neles: tendes filmes recuperados, cartas (en vista panorámica ou mesmo a recompilación completa das que pertencen a un só soldado) ou fotos.
E, por suposto, a sempre panorámica pero completísima Wikipedia, mais completa en inglés; e o magnifico site dos arquivos públicos británicos con todo tipo de materiais e o da Biblioteca Virtual Europea (Europeana) con achegas de moitos paises.
Finalmente, e ao fío de como un acontecemento histórico pode usarse para empoderar unha marca comercial, deixamosvos con este anuncio, premiado como o mellor do ano no UK.
Bo Nadal a todos e todas e os nosos mellores augurios para o 2015