Un mensaxeiro é enviado dunha cidade a outra que está a 400 millas, avanza cada día 20 millas; outro mensaxeiro é enviado 15 días despois e debe alcanzalo á entrada da cidade, de xeito que entren nela a un tempo. Cantas millas ten que facer este cada día?*
Este sería un equivalente medieval ao clásico problema de matemática escolar e foi formulado no Liber mahameleth xa a mediados do século XII. O tratado é un dos máis completos que se conservan da matemática medieval e mesmo é anterior ao do famosísimo Fibonacci (o citado no Código Da Vinci).
É unha obra en latín basada nas investigacións (de altísimo nivel) dos matemáticos de Al Andalus que bebían á súa vez o coñecemento acumulado polos grandes científicos do Islam. Grazas a estre tratado, que dispoñibilizou o coñecemento dos matemáticos árabes á lingua franca da ciencia cristiana, chegaron a Europa conceptos e procedementos de álxebra, xeometría…
O Liber Mahameleth ten ademáis unha fonda vocación práctica presentando ao público unha morea de conceptos matemáticos a través de situacións comúns que, en certo modo, chegaron ata nós na forma dos clásicos e lembrados problemas escolares. Hai pouco foi presentada a edición «definitiva» da obra, reconstruída a partir dos tres mellores manuscritos conservados; a lectura do índice da boa idea da aplicación das matemáticas á vida diaria: comprar e vender, cambio de moeda, contratación de portes, capacidade de cisternas, escalas de xornais… e a lectura do texto (coa súa tradución ao inglés nesa edición) dan unha e mil imaxes da aplicación do cálculo á vida nos tempos medievais.