O correcto tratamento do pasado dunha empresa pode marcar un antes e un despois á hora de posicionarse no mercado e ganar a preferencia dos clientes. As pequenas historias dun negocio, as persoas que as protagonizaron, os seus éxitos e desafíos … achegan a unha marca valores de proximidade e conexión co local e persoal; poden transformar un produto neutro nalgo único e singular, claramente identificable.
Como pode a historia axudar ao teu negocio?
Poñamos un exemplo sinxelo: estas pensando en renovar esa navalla tan querida que usas nas merendas e saidas campestres. Cales son as opcións en que pensas?
A maioría de nós pensaría inmediatamente ben na famosa navalla suiza ou ben nunha peza procedente dun obradoiro tradicional (Taramundi, por poñer un caso).
Ben, pensemos: que é o que distingue a estes dous produtos do resto da súa competencia?
Que, cando pensamos neles, proxectan conceptos ligados á calidade e á tradición pois é a permanencia do produto no tempo o que garante que é bo. Doutro xeito, os coitelos terían deixado de venderse e o negocio tería pechado.
Os produtos alimentarios son os que máis tradicionalmente aproveitaron estas connotacións derivadas do pasado e a tradición para consolidar a imaxe de marca pero o certo é que hoxe son cada día máis os sectores que aproveitan este input á hora de desenvolver estratexias de diferenciación.
E ti como o ves?