Compostela, 1653: a acollida aos refuxiados

Juan o'doghertyNestes días nos que as imaxes de persoas que buscan unha nova vida lonxe da guerra, a persecución ou a miseria compre lembrar un episodio pouco coñecido da historia compostelá e galega: o da acollida que se deu ás distintas vagas de refuxiados irlandeses entre os séculos XVII e XVIII.

Os católicos irlandeses fuxían da guerra no seu país e da persecución política e relixiosa. Os primeiros foron grupos de militares e podemos documentalos en 1602. Eran poucos e de boa posición económica e social en orixe asi que na súa maioría acabaron integrandose nos exércitos da Coroa. Para educar aos seus fillos naceu o Colexio dos Irlandeses, na compostelá Rúa Nova.

Durante décadas foron chegando, pouco a pouco e, paseniñamente foron asimilados á veciñanza.

En 1653, Cromwell leva a cabo a unificación de Irlanda e Gran Bretaña. Comeza daquela un verdadeiro éxodo non só de militares, cregos e homes da nobreza senón de grupos familiares completos.

Chegaron en masa ao porto da Coruña, desbordando as capacidades da administración da Real Audiencia. Nunha Galicia xa esforzada fiscalmente, con constantes dificultades para o abastecemento de alimentos nas cidades e castigada con frecuencia por peste e andazos, o socorro aos refuxiados plantexábase como unha tarefa titánica.

O Gobernador armou cupos e repartiunos en función da capacidade de cada provincia. Á de Santiago (que equivale á diocese actual) corresponderonlle 953 homes (coas súas familias ou acompañantes). O esforzo colectivo foi importante pois xa a capital e vilas como Pontevedra eran recurrentemente invadidas polos pobres que fuxían da fame dos campos.

Houbo, como era de agardar queixas derivadas do sacrificio económico que se pedía á veciñanza ou ás tensións que esta nova poboación xeraba no precario sistema de abasto de alimentos; tamén agromaron medos, que derivaban sobre todo das diferencias culturais e do feito de que algúns dos refuxiados eran homes novos sen oficio recoñecido (algo sempre sospeitoso naqueles tempos). Pero o certo é que onde non había moito, repartiuse e os rexistros parroquiais amosan como progresivamente os irlandeses foron integrandose na vida da cidade e mesturandose coas familias locais de xeito que en poucas xeracións perdeuse o seu rastro. Hoxe, de feito, nin lembramos a súa historia nin a da cidade que os acolleu.

Despois desta gran fuxida aínda houbo outras que foron sempre de menor entidade. Nunha delas chegou John O’Dogherty. Chegado a Galicia en 1790, incorporouse á Real Armada; acabou sendo un dos heróes máis sinalados da Batalla de Ponte Sampaio.

Quen sabe! se cadra sen el e sen a acollida que recibiu ao chegar, a nosa historia tería sido diferente.