A historia das mulleres é un territorio enorme por explorar. E a investigación vai demostrando como, a medida que coñecemos mellor ás antepasada, caen bastantes tópicos. Un deles é o de que a muller sempre estivo na casa, coidando do fogar e os fillos; a verdade é que esa foi a realidade de moitas pero non é menos certo que outras traballaron para fóra, por gusto ou por necesidade. Mesmo houbo oficios específicamente femininos, como a venda de comestibles polo miúdo nos mercados, a limpeza das roupas, … un deles é o das candeeiras que había na catedral de Santiago.
Este oficio existe desde os tempos medievais e é exclusivamente feminino. Elas eran as que en exclusiva vendían dentro do templo e nas portas vendían as candeas que entregaban como ofrenda as persoas que visitaban os seus altares e capelas.
Non era, polo tanto, un oficio baladí e seguramente tiña bos rendementos. A principios do século XV, 29 mulleres tiñan este negocio e exercían grazas a un título concedido polo cabido ou sexa, nun réxime parecido á actual concesión. Eran postos en réxime de propiedade pois podían deixalos en herdanza ou cedelos a outras mulleres; en caso de vacante, era o cabido quen nomeaba á nova beneficiaria.
As candeeiras poderían ser encadradas neses grupos medios urbanos aos que pertencen os comerciantes e artesáns. Dalgunhas podemos establecer o seu parentesco con familias da pequena burguesía, doutras a súa proximidade aos cóengos e outros cregos catedralicios, da maioría só coñecemos o seu nome.
Paseando hoxe en día polos arredores da catedral, parece inevitable pensar nelas como as antecesoras desas outras mulleres que todos os días -chova ou faga sol- arman e desarman os tradicionais postos de vendas de souvenirs. Outros tempos, outras mulleres.