Noticias antigas do Entroido compostelán

Repescamos o texto dun artigo publicado na revista Compostelanea en febreiro de 2017 sobre o Entroido en Santiago hai un século (máis ou menos). Non perdades as fotos que o acompañan!

Compostela 1917: O Entroido

Hai un século, o Entroido ocupaba a vida da cidade durante case un mes, pois comezaba cando chegaban aos comercios os xéneros propios da festa: os tecidos para os disfraces e os “papeliños de cores” que se empregaban para facer máscaras e todo tipo de figuras. Ao tempo empezaban a prepararse as comparsas e o programa de bailes. Así quedaban marcadas as coordenadas da festa: disfraces, comparsas e alegría. As mesmas que hoxe en día seguen definíndoa.

O chuvioso tempo compostelá marcaba o ritmo e tensión das xornadas, sobre todo a principios do século XX, cando as formas de vida burguesas terminaron de adaptar a festa á sociabilidade urbana. É entón cando naceu o Entroido tal e como hoxe o coñecemos; un tempo -como di un autor da época- divertido e elegante.

No rural santiagués perduraron ata hoxe costumes máis arraigados á tradición rural como a destrución do Entroido feito con palla e roupa vella que podemos documentar en Aríns hai cen anos, o carro engalanado que se armaba en Santa Marta ou os atranques dos Xenerais das parroquias do Ulla.

Na cidade desenvolvíase un Entroido diferente con manifestacións xenuínas que estaban plenamente vixentes hai un século. Algunhas desapareceron, outras son doadamente identificables no programa actual.

A rúa era o principal escenario do Entroido santiagués. Polas vías principais paseaban, cantando coplas e chanceando coa xente, as comparsas. Estas agrupacións armábanse cada ano baixo nomes tan suxestivos como Los Caballeros de Malta, Los cirujanos del porvenir, Los alpinistas ou La Lira, que levaban acompañamento musical similar ás actuais rondallas ou máis tradicional (pandeireta, bombo e tamboril). Nelas participaban estudantes, mozos e mesmo grupos de nenos e nenas. Na rúa todo eran risas, humor do bo e balbordo, sendo o contrapunto aos bailes que tiñan lugar nas sociedades recreativas ou aos asaltos organizados pola mocidade; nuns e noutros era obrigado o uso de disfrace, preferentemente orixinal e de bo gusto.

A xente ía ao Preguntoiro ou á Rúa do Vilar a ver as comparsas e o curioso espectáculo que era a súa rolda. Percorrían as rúas da cidade e ao pé das casas cantaban coplas e cancións recibindo a cambio as moedas que lles tiraban desde balcóns e xanelas. Houbo un tempo en que as comparsas ofrecían amendoados ás casas máis xenerosas.

Tamén había lugar para dous clásicos: o xogo do figo (juego del higui) -no que un home cunha manchea de figos colgados dun pau enredaba coa rapazada- e o paseo de Carabellón e Perilla -oso e domador que facían as delicias do público-. O Entroido era, sobre todo, un lugar de encontro e de xogo; por uns días as barreiras sociais volvíanse borrosas nunhas rúas nas que as mascaritas tanto facían burla como armaban un baile espontáneo.

As dificultades para xestionar estes encontros e afluencias de xentes levaron o Concello a programar na Alameda o desfile das comparsas. Amenizado con música, o cambio de escenario deulle un importante pulo ao Entroido xa que as carrozas engalanadas, que ata entón eran escasas, pasaron a completar o espectáculo. E mesmo foi posible organizar e gozar das batallas de confeti. En 1917 foi a segunda vez que se organizou alí e así, despois de pasear pola cidade, as comparsas e carrozas achegáronse á Alameda, onde a Banda Municipal ofreceu un concerto para amenizar o evento. Foi tal o éxito acadado, que comezou a falarse de outorgar premios aos mellores participantes.

Música, diversión e socialización, esas foron as pautas do Entroido histórico, o que viviron hai cen anos as xentes desta cidade, as mesmas que partillamos hoxe.