Loading images...

Un colorido libro que atopei esta mañá

Con esta sinxela frase, o investigador Erik Kwakkel deu a coñecer hai 3 meses ao mundo un singular achado casual: un tratado de pintura elaborado a finais do século XVII, o Traité des couleurs servant à la peinture à l’eau

Nel, A. Boogert describe como preparar as pinturas, os xeitos de conformar as gradacións tonais, etc., con coidado e mestría recolle e clasifica todas cores que puido imaxinar. A recompilación de mostras de cores é, simplemente, abraiante. É o primeiro Pantone.

Tan relevante como o descubrimento do manuscrito son as circunstancias: unha busca nunha biblioteca virtual, neste caso o repositorio da Biblioteca Méjanes, en Provenza. Comprobase así a utilidade das coleccións dixitais especializadas e o seu valor fundamental para o avance do saber en moitas áreas. Non só achegan o patrimonio herdado ao público xeral senón que tamén son unha ferramenta formidable para agrandar as fronteiras da ciencia.

 

Como presente para estas vacacións, deixamosvos o enlace ao post orixinal, que contén tamén o acceso á versión dixital do manuscrito.

O «licor de Ribadeo»

Esta fin de semana estamos todos e todas convidadas á celebración do Ribadeo indiano, unha sorte de celebración que por uns días levará á vila e a quen a visite aos finais do s. XIX e principios do XX.

É unha iniciativa refrescante nestes tempos nos que agroman feiras medievais con dubidosa conexión coa realidade pasada e un xeito interesante de poñer en valor este período da historia da Mariña e o patrimonio -sinaladamente arquitectónico- que nos deixou.

O que moita xente non sabe é que nestes tempos dos indianos, alén do viño e as bebidas de orixe ultramarino, como o ron, na contorna de Ribadeo tiña grande aceptación un licor algo raro denominado Kümmel ou, simplemente, cumel e que este produto chegou a coñecerse en Madrid como «licor de Ribadeo».

O Kümmel é un licor algo áspero e forte, de sabor doce, que ten como ingrediente principal o comiño. Chegou a Ribadeo a partir do século XVIII, cando neste porto se estableceu unha ruta marítima cara os portos do Mar Báltico, nomeadamente a Riga (Letonia) de onde se importaban liños e cáñamos para a industria local de tecidos.

No século XX as turbulencias políticas acabaron cortando os subministros directos desta bebida e os cambios nos gustos foron lateralizando este licor tan singular; non obstante, moitas foron as familias de Ribadeo que desenvolveron receitas propias pois era bebida indispensable para os padais máis larpeiros -que mesmo o sorbían a través dun terronciño de azucre, por se non era doce dabondo- e o ingrediente segredo do Pato á moda de Ribadeo que tanto ensalzou Cunqueiro.

 

Desafío 10 anos dehistoria. Eres quen?

 

Nunhas semanas dehistoria cumprirá 10 anos, nese tempo aprendimos moitas cousas e axudamos a moitas persoas e entidades a xerar recursos, riqueza ou lazos afectivos co pasado. Tamén aprendimos que moitos dos nosos clientes e amizades son xente con curiosidade, con interese por mellor coñecer a historia da súa familia, do seu pobo ou do mundo en xeral, os grandes feitos -que na teoría aprenderon na escola- e as cousas miúdas.

Por isto e aínda que non queremos competir coa Wikipedia -da que, por certo, somos doantes- temos para todos e todas vos unha proposta especial para celebrar o noso 10 aniversario.

Tiña que ser algo especial, xa que agora non teremos dedos para contar a nosa propia historia, asi que queremos propoñervos un dobre desafío que se desenvolverá na nosa páxina en Facebook desde hoxe e durante todo o mes de xuño:

♦ Para nos: desde hoxe e durante todo o mes de xuño abriremos totalmente as nosas portas e sacaremos todas as nosas ferramentas para respostar aquelas dúbidas históricas que non vos atrevedes a facernos directamente pero que xurden de cando en vez nas conversas de café. Só hai un límite: o rigor científico; así que nos respostaremos ata onde o noso coñecemento, habilidades e seguridade metodolóxica o permitan. Non se trata de poñer a proba a nosa profesionalidade senón de calmar, na medida do posible, a vosa sede de coñecemento 😉

♦ Para vos: cada certo tempo, propoñeremosvos unha adiviña que deberedes solucionar.

Haberá premios, claro que si:

♦ As mellores preguntas -no sentido de curiosas, imprescindibles para a vida moderna, etc- merecerán un artigo na nosa web.

♦ A primeira resposta acertada dos desafíos que vos propoñemos, recibirá un exemplar dun dos nosos best-sellers.

♦Todas as persoas que participen entrarán no sorteo dun vinito español (galego ou internacional, se preferides)

Por suposto, quedades convidadas a compartir o desafío con colegas e amizades, facer equipos, etc.

Grazas por estes dez anos e moita sorte!

Unha rosca monstro

Estes días próximos á Pascoa son a tempada alta das roscas ou pans de ovo e doce que as madriñas regalan aos afillados. Esta lambetada tradicional está fortemente vencellada aos ritos da Semana Santa pois é -ademais dunha excelente sobremesa- todo un augurio de vida.

Facíanse nas casas e, cando comezaron a agromar en vilas e cidades, nos obradoiros de panadería e pastelaría que elaboraban tanto tortas como as roscas actuais como exemplares máis requintados como os de amendoa ou os de masa de biscoito.

Un destes negocios, neste caso da vila de Pontevedra, chegou a ser coñecido pola magnitude das roscas que preparaba para agasallar aos anciáns da cidade. En efecto, alá pola década de 1920, un dos atractivos máis senlleiros dos paseantes era contemplar o escaparate da Confitería Santiago, que cada ano amosaba orgulloso unha rosca máis grande ou máis adornada.

Neste ano de 1928, a rosca tiña unos tres metros de largo por más de medio de ancho. Verdadeiramente monstruosa!

Boa Pascua!

 

 

O monxe intrépido: Fr. Rosendo Salvado

O Consello da Cultura Galega ven de inaugurar en Santiago unha exposición -que xa estivo en Tui- sobre Rosendo Salvado, monxe bieito de orixe tudense que ten un dos periplos vitais máis singulares e interesantes que podades imaxinar. Celebramos este ano o 2º centenario do seu nacemento o que debería servirnos para mellor coñecelo e, de paso, ver o singular fío que nos une ás distantes terras da Australia Occidental.

Si, Australia, pois resulta que este monxe pasou boa parte da súa vida naquelas terras e por isto debe ser que é pouco coñecido entre os galegos, malia ser considerado como un dos persoeiros máis senlleiros da historia aussie polo seu innegable traballo a prol dos dereitos dos nativos aborixes.

Cun feixe de compañeiros, entre os que estaba o seu irmán Santos Salvado -fotografo afeccionado-, fundou nas próximidades de Perth unha comunidade monástica á que dedicou a súa vida e esforzos. En Nova Nursia, fr. Rosendo foi monxe, misioneiro, bispo, músico profesional, labrego, homeópata, mestre, axente de I+D+i, activista polos dereitos dos pobos aborixes, construtor…

Esta conmemoración é unha oportunidade inmellorable para achegármonos á biografía e legado deste home que curiosamente ten aquí unha lenda negra que o vincula -erradamente- coa promoción dos eucaliptos en Galicia.

Nos tivemos a oportunidade de coñecer o seu legado hai algún tempo, ao fío da nosa colaboración con Ficción Producciones  para o programa A Miña Famosa Familia.

Daquela aventura quedaron no noso arquivo notas que hoxe queremos incorporar á nosa Factoría dehistoria e que atinxen non só a súa biografía senón tamén a algún outro tema que axudará a comprender mellor a este personaxe e o seu tempo.

 

 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza Cookies propias e de terceiros para recompilar información coa finalidade de mellorar os nosos servizos. Si continua navegando, supón a aceptación da instalación das mesmas. O usuario ten a posibilidade de configurar o seu navegador podendo, si así o desexa, impedir que sexan instaladas no seu disco duro, aínda que deberá ter en conta que dita acción poderá ocasionar dificultades de navegación da páxina web. Política de cookies - Condicións de uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies