Archivo de la categoría: factoría dehistoria

No Entroido, licor café e augardentes

foto augardenteiroLicor café e bica conforman durante o Entroido un tándem clásico de moitas comarcas galegas; outro tanto poderíamos dicir da augardente e o café e o as herbas e un xantar copioso.

Uns teñen unha longa historia entre nós, outros son máis recentes pero é evidente que forman parte deses momentos cotiás que, como comunidade, repetimos xeración tras xeración. Lonxe quedaron os tempos dos poteiros itinerantes, das potas de barro e de bebidas loubadas na nosa literatura como o rosolí.

Hai un tempo que dehistoria investigou, a petición do Consello Regulador Augardentes e licores tradicionais de Galicia, a historia destas bebidas espiritosas. Alí aprendimos cousas curiosas e ben interesantes e puidemos desfacer algúns mitos asentados como que en Galicia non se destilaba antes de mediados do s. XIX.

Hoxe queremos compartir con vós unhas breves notas tomadas daquel informe e incorporalas á nosa Factoría dehistoria para que as leades e compartades; organizamos os materiais por especialidades, para que podades centrarvos naquela da vosa preferencia 😉

 

 

O monxe intrépido: Fr. Rosendo Salvado

O Consello da Cultura Galega ven de inaugurar en Santiago unha exposición -que xa estivo en Tui- sobre Rosendo Salvado, monxe bieito de orixe tudense que ten un dos periplos vitais máis singulares e interesantes que podades imaxinar. Celebramos este ano o 2º centenario do seu nacemento o que debería servirnos para mellor coñecelo e, de paso, ver o singular fío que nos une ás distantes terras da Australia Occidental.

Si, Australia, pois resulta que este monxe pasou boa parte da súa vida naquelas terras e por isto debe ser que é pouco coñecido entre os galegos, malia ser considerado como un dos persoeiros máis senlleiros da historia aussie polo seu innegable traballo a prol dos dereitos dos nativos aborixes.

Cun feixe de compañeiros, entre os que estaba o seu irmán Santos Salvado -fotografo afeccionado-, fundou nas próximidades de Perth unha comunidade monástica á que dedicou a súa vida e esforzos. En Nova Nursia, fr. Rosendo foi monxe, misioneiro, bispo, músico profesional, labrego, homeópata, mestre, axente de I+D+i, activista polos dereitos dos pobos aborixes, construtor…

Esta conmemoración é unha oportunidade inmellorable para achegármonos á biografía e legado deste home que curiosamente ten aquí unha lenda negra que o vincula -erradamente- coa promoción dos eucaliptos en Galicia.

Nos tivemos a oportunidade de coñecer o seu legado hai algún tempo, ao fío da nosa colaboración con Ficción Producciones  para o programa A Miña Famosa Familia.

Daquela aventura quedaron no noso arquivo notas que hoxe queremos incorporar á nosa Factoría dehistoria e que atinxen non só a súa biografía senón tamén a algún outro tema que axudará a comprender mellor a este personaxe e o seu tempo.

 

 

 

8 de marzo: Día Internacional da Muller

cartaz dia da muller 2013Nuns días celebraremos a memoria da loita das mulleres polos seus dereitos. Pola igualdade, pola dignidade. É unha historia chea de grandes fitos e pequenos feitos, de persoaxes ben coñecidas e de protagonistas anónimas. Moitos pasos nun longo camiño que aínda non rematou.

Para que vaiades preparando tan singular xornada, queremos animarvos a curiosear nesa cadea de feitos e testemuñas que fai que a nosa vida hoxe sexa máis doada, cando menos nos paises máis ricos (aínda que esteamos instaladas na crise).

Primeiro, unha proposta da nosa factoría dehistoria: o segundo capítulo dun dos nosos libros, no que se recolle resumida a senda percorrida nestes ultimos cen anos. O seu título, a bolsa propia, o principio da independencia.

Despois, este curioso pero entretido vídeo sobre as orixes desta celebración

E de sobremesa, unha visita á páxina oficial da ONU sobre este homenaxe. Inclue, mesmo un avance sobre a canción One Woman, que será estreada este mesmo 8 de marzo.

Paraxes históricas: Ponte Maceira

vista xeral da Ponte maceiraA nosa paisaxe está fondamente humanizada. Fálanos das experiencias e forma de vida das xentes doutro tempo; eles e elas condicionaron e crearon a súa aparencia actual. Os campos, os camiños, mesmo as cores permiten ler e sospeitar as trazas da vida no pasado.

As veces temos tan interiorizados os lugares nas que transcorre a nosa vida que esquecemos o que hai por debaixo. Compre, xa que logo, pararse un pouco e traer á mente eses testemuños mudos.

Neste inverno diluvial convidamosvos a recoñecer esta paraxe próxima a Santiago: A Ponte Maceira. E, por que non!, a facer unha escapadiña aproveitando a próxima tarde soleada.

Esta ponte de orixe medieval é o espazo máis recoñecible dun feito histórico que acadou sona lendaria: o encontro de Ponte Maceira e a batalla de Altamira.

Indo desde Santiago pasamos os seus fitos máis senlleiros: o vello camiño a Fisterra, a ponte e aldea de Augapesada -onde se concentraron os exércitos nobiliarios-, a Costa de Mar de Ovellas -polo que subiu con sorprendente rapidez unha enorme mesnada-, Carballo -onde se cruzan os camiños- e a Ponte Maceira -onde dous exércitos loitaron con desesperación-.

Á volta, deixando atrás o elegante pazo de Gasamáns é imprescindible un paseiño polas ruinas das torres. Ao seu pe tivo lugar a batalla definitiva que foi, con todo, unha mais das moitas nas que se liaron os arcebispos e os cabaleiros da terra.

Aqui tendes un singular recurso patrimonial, invisible pero disposto a que nós o aproveitemos. Que teñades un bo día!!

 

Un pequeno agasallo de nadal, en tres partes


O noso produto diferencial, é sabido, e a investigacion historica baixo demanda o que nos leva a unha moi curiosa  heteroxeneidade nas nosas investigacions. Todas nacen dunha mesma premisa, a achega de información histórica para unha necesidade concreta, pero ramifícanse nunha diversidade singular de temas.

De todas aquelas cuestións que tratamos a petición dos nosos clientes hai algunhas que poden adxectivarse sen medo: as investigacións sobre os montes comunais son solidarias, falánnos da loita das comunidades (onte e hoxe) pola sua supervivencia; as historias familiares teñen moitas veces ingredientes de thriller  ou drama psicoloóxica, amósannos que, no fondo, todas as parentelas son moi parecidas, nas súas luces e nas súas sombras, pois sempre hai un lado escuro, un antepasado de dubidosa reputacion ou unha volta inesperada do destino; outras veces é como mirar a través dun espello, pois atopamos xentes doutro tempo e que nos gustaría convidar a un café e algunhas persoalidades que tenen fiel reflexo na actualidade.
Pero, sen dúbida, as que nos resultan mais atraintes son aquelas da «mirada indiscreta», que se relacionan co cotia; grazas a elas entramos, como por unha fiestra, na vida daqueles homes e mulleres que foron antes ca nos.

Estas son, definitivamente, as que máis gustan aos nosos amigos e amigas. Por este motivo, queremos agasallarvos cunha serie de tres textos (a modo de antigo folletín) sobre o voso outro tema preferido, a historia da nosa tradición gastronómica. Son unha versión alixeirada do capítulo dedicado á historia da nosa tradición reposteira, no noso libro Historia da dozaría tradicional galega.

Historia da dozaría galega (parte 1)

Historia da dozaría galega (parte 2)

Historia da dozaría galega ( e parte 3)

Bo proveito e os nosos mellores desexos para o novo ano!

(continuará)