Archivo de la categoría: Informes históricos

OS COLÓN NA DOCUMENTACIÓN GALEGA

Hai uns anos tivemos a oportunidade, a petición da asociación Cristobal Colón Galego, de estudar a fondo os documentos que falan da presencia na Pontevedra baixomedieval dunha familia de apelido Colón.

Eran, na súa maioría, escrituras descubertas e estudadas hai máis dun século por Celso García de la Riega; por motivos alleos á veracidade das escrituras e aos feitos que relatan, a hipótese deste erudito foi descartada e contrariada por un informe elaborado por Eladio Oviedo y Arce.

Pasado o tempo e con el as emocións e as enemizades dos protagonistas, encargousenos a revisión deses materiais á luz da súa materialidade e dos avances da ciencia histórica neste último século.

E así procedemos á consulta dos orixinais que presentou de la Riega, que son un conxunto de escrituras dadas en Pontevedra no século XV e primeiros anos do XVI nas que se citan diversas persoas de apelido Colón e que parecen pertencer á mesma familia.

A partir da metodoloxía da paleografía e a diplomática, dos coñecementos que hoxe temos sobre o galego medieval e dos sucesos daquel tempo fixemos un estudo atento das escrituras.

As nosas conclusións confirmaron o que outros informes viñan apuntando sobre o tema desde outros enfoques:

  • As escrituras presentadas por C. de la Riega son auténticas sendo un dos elementos da súa autenticidade o feito de estaren inseridas en libros que rexistran escrituras en orde cronolóxica. Son algo parecido ao que hoxe chamamos actas, nas que unha noticia vai inserida a continuación doutra e antes da seguinte.
  • Os volumes que conteñen eses documentos son auténticos, pola súa tradición e custodia ininterrompida e por estaren asinados polos notarios públicos asistentes ao outorgamento dos asuntos de que se trata.
  • Nada na súa materialidade fai pensar nunha inserción ou manipulación.
  • Sí hai nalgunhas escrituras evidencia dunha man posterior que reescribiu letras puntualmente. Os informes complementarios indican que non se corrixiu ou manipulou o texto orixinal senón que se remarcou para que resultasen mais lexibles as letras presentes.
  • As escritura, redacción e tenor documental, marcas de autenticación etc. coinciden coas que estaban en uso na Galicia e na Pontevedra do seu tempo.

En resumo, os documentos de Celso García de la Riega son auténticos e certifican a presencia dunha familia de apelido Colón na vila de Pontevedra na segunda metade do século XV.

Iso si, non documentan a ningún Cristovo/Cristobal polo que non é posible afirmar desde os datos dispoñibles e o seu estudo científico que os nosos Colón estean na orixe do Almirante.

=> Os resultados do noso estudo foron publicados nun congreso especializado pouco despois. Tendes  na Factoría dehistoria unha copia do arquivo.

=> E esta entrevista, ao fío dun estudio feito en 2019, publicada no Faro de Vigo

No Entroido, licor café e augardentes

foto augardenteiroLicor café e bica conforman durante o Entroido un tándem clásico de moitas comarcas galegas; outro tanto poderíamos dicir da augardente e o café e o as herbas e un xantar copioso.

Uns teñen unha longa historia entre nós, outros son máis recentes pero é evidente que forman parte deses momentos cotiás que, como comunidade, repetimos xeración tras xeración. Lonxe quedaron os tempos dos poteiros itinerantes, das potas de barro e de bebidas loubadas na nosa literatura como o rosolí.

Hai un tempo que dehistoria investigou, a petición do Consello Regulador Augardentes e licores tradicionais de Galicia, a historia destas bebidas espiritosas. Alí aprendimos cousas curiosas e ben interesantes e puidemos desfacer algúns mitos asentados como que en Galicia non se destilaba antes de mediados do s. XIX.

Hoxe queremos compartir con vós unhas breves notas tomadas daquel informe e incorporalas á nosa Factoría dehistoria para que as leades e compartades; organizamos os materiais por especialidades, para que podades centrarvos naquela da vosa preferencia 😉

 

 

10 anos, 100% de éxitos

logotartaUnha parte pouco coñecida do noso traballo é a elaboración de estudos históricos a medida. A nosa clientela buscanos para apoiar reclamacións ante a xustiza, dignificar tradicións locais ou xustificar dereitos históricos ante as administracións.

Asociacións xestoras de montes comunais, agrupacións de produtores, entidades veciñais, concellos, particulares…podemos exhibir con orgullo unha ratio dun 100% de éxito de efectividade dos nosos servizos.

Grazas aos nosos informes foi posible, por exemplo, probar e legalizar fronteiras históricas entre comunidades de montes, salvar da piqueta algunha vivenda fidalga mediante a súa declaración como BIC, recuperar e renovar dereitos antigos sobre augas ou camiños, consolidar e protexer tramos históricos do Camiño de Santiago …

O documento histórico é proba tanto nos tribunais como na administración. Pero falamos de asuntos serios e, ás veces de moito diñeiro, asi que aquí non valen as ocorrencias nin as historias enredadas. Unha investigación científica e rigorosa é o que permite achar as escrituras axeitadas e a súa contextualización e interpretación acaída. É así que os escritos e os informes periciais acadan o seu valor de testemuño irrefutable con valor efectivo.

Velaí a clave do noso traballo: 100% científico=100% exitoso

 

Unha web sobre a Rocha Forte de Santiago

exterior da cerca da rocha forteNestes días vense de facer pública a web sobre o proxecto de investigación do castelo da Rocha Forte; está en Santiago, na entrada sur á cidade, na beira do río Sar.

Como ben lembraredes, este é un proxecto no que nos participamos. A nosa achega foi a busca de documentación histórica, tanto do castelo como da súa contorna máis inmediata. Foi un traballo complicado porque o castelo deixou de existir a finais do século XV; con todo, a investigación da súa contorna -entendida nun perímetro bastante amplo- permitiunos atopar descricións dos chamados suelos de la Rocha, achegarnos á evolución do espazo máis inmediato -a actual aldea da Rocha- ou, mesmo, reconstruír sobre a paisaxe e con bastante claridade a rede de camiños da zona.

O noso traballo completase coa achega do equipo arqueolóxico, de xeito que hoxe temos unha panorámica máis clara do pasado do castelo e da súa contorna, o que nos axuda a entendelo mellor.

Na web tendes non só cronoloxías, biografías e datos varios, senón tamén algunhas partes do noso estudo de documentación histórica, o informe da escavación e algúns vídeos e reconstrucións de moito interese.

 

 

O Castelo da Rocha Forte

exterior da cerca da rocha forteDesde a primavera estamos traballando no proxecto de documentación, escavación e posta en valor do Castelo da Rocha Forte, unha solemne e imponente ruína que está nas afóras de Santiago, na parroquia de Conxo á beira do río Sar.

Nós encargámonos da busca e identificación da documentación histórica relacionada co castelo e a súa contorna. Levamos meses movendo e estudando documentos pero por fin agora, cando case xa rematamos, podemos ver algunhas cousas algo mais claras.

Para quen non coñeza a súa historia é dificil interpretar esta maxestosa ruína; hoxe queda nunha especie de foxo, debaixo do viaduto da Rocha -ese que se pasa cando entramos en Compostela polo Sur-, e ata hai pouco era mais ou menos unha elevación no terreo cuberta de vexetación. Os traballos acometidos por varios equipos da Universidade de Santiago hai algúns anos permitíron albiscar a magnitude do castelo. Agora que está todo descuberto e que podemos documentar a súa historia, as cousas concordan: era o gran castelo do principal señor de Galicia, xa que logo, impoñía a quen o visitara ou o admirara desde a distancia.

Foi construído polo arcebispo D. Xoán Arias -un home do seu tempo, instruído, cosmopolita e bo xestor- e foi finalmente desmantelado por Afonso de Fonseca II, na segunda metade do século XV. Sufriu asedios, incendios, arranxos e ampliacións, como calquera edificio pensado e interpretado como centro de poder. Pero Fonseca só desarmou (e reaproveitou noutros lugares) o que quedaba tras o derrocamento Irmandiño.

Cos traballos arqueolóxicos en marcha, o sitio non pode visitarse nestes días. Nós acudimos á visita guiada que tivo lugar hai unhas semanas, durante a Semana Cultural da Rocha. Naquel día puxemos materiais e coordenadas as ideas e hipóteses que xurdiran no estudo documental. Foi unha visita ben interesante e, chegado o momento, recomendable.

Pódese ver hoxe o que no seu momento (s. XVII) chamaron «los suelos de la Rocha» ou, o que é o mesmo, todo o que quedou a ras de chan e por debaixo del: canles, alicerces da torre de homenaxe, os fundamentos da cerca (con varios metros de altura sobre o piso orixinal), a morea de proxectís de pedra que se lanzaron contra o castelo, os muros derrubados polos Irmandiños, o arranque das torres da muralla, …

E contámosvos todo isto porque hoxe un xornal da cidade -con motivo da visita do alcalde ás escavacións- publica unha completa galería fotográfica na que ademais das instantáneas do acto, temos tomas de moito interese sobre pezas atopadas e o traballo dos arqueólogos.

Podedes mirala clicando aquí. E neste outro enlace, de outro xornal, teredes un apuntamento sobre unha das imaxes da galería, pois parece que foron achados naquel lugar restos humanos.

Se queredes saber máis: