Archivo de la categoría: Patrimonio

Imos aos Institutos

miraporelAté final de ano, dehistoria será a encargada de levar aos centros de Ensino Secundario Obrigatorio a Campaña Mira por el da Consellería de Cultura e Deporte.
É un proxecto atractivo que marcará o inicio do desenvolvemento desta actividade noutros centros; con ela amosarase a mozos e mozas a importancia de querer e respectar o noso patrimonio cultural (material e inmaterial) herdado. O noso deber moral e legal e protexelo e respectalo.
Neste trimestre os nosos equipos visitarán centros pertencentes a todas as provincias galegas, a grandes cidades (Vigo) e vilas (Ribadeo) , da costa (Muros) ou do interior (Forcarei).
As actividades a desenvolver buscan, sobre todo, proporcionar un ambiente de aprendizaxe lúdico e creativo no que os alumnos e alumnas participen activamente. Os seus resultados comezaran pronto a verse na web da propia campaña.

RUTAS CON GPS

Neste mes de outubro, durante o Seminario Turismo e novas tecnoloxías terá lugar a presentación en sociedade do noso proxecto de investigación sobre rutas GPS, levado a cabo baixo a dirección de Dimensiona.
Xuntos, desenvolvemos un novo produto que está agora rematando a súa fase de experimentación. As rutas autoguiadas con GPS ofrecerán a concellos, administración ou establecementos turísticos a posibilidade de deseñar percorridos turísticos ou culturais sen necesidade de investimentos costosos en sinalización. Un GPS se encargará de dirixir ao camiñante ou ao automobilista ao longo do itinerario; o noso cometido é a elaboración dos contidos da ruta, que van nunha guía impresa complementaria.
O primeiro prototipo tivo como protagonista á Casa Grande de Vilanova, na parroquia de Remesar, concello da Estrada e o roteiro servía para percorrer o fermoso camiño entre a Casa e o Pazo de Oca. O segundo, porase en marcha nos próximos días no Concello de Ames; finalmente, a Ribeira Sacra será o escenario doutro dos nosos prototipos.
Moitas grazas a todos eles por colaboraren con nos e a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación financiar este novidoso proxecto de innovación.

A HISTORIA VAI A ENFESTA

Hoxe chegamos a Enfesta. É a última etapa de “A Historia vai por barrios” antes do verán. A mostra terá lugar no Local Sociocultural e estará ali até o 10 de xuño.
Tal e como a investigación ven a demostrar, o pasado desta parroquia -mesmo nos tempos nos que non era concello- é riquísima e moi interesante. Delo da fe un patrimonio histórico moi variado que vai dos castros de Formaris ou Roda dos Mouros -doados de ver desde a N-550- até a antiga estación do ferrocarril da Sionlla: muíños, vivendas tradicionais, hórreos e palleiras, etc.
A exposición que hoxe inauguramos fai un pequeno percorrido por todos estes aspectos; ao longo da visita, a veciñanza e o resto da cidade -cando entre en rotación por outros barrios- coñecerán un pouco mais desta outra Compostela, rural e conservadora das mais antigas tradicións.

O PEQUENO GRAN COMERCIO COMPOSTELÁN

Onte pechamos a exposición “A historia do comercio en Compostela”, organizada dentro do programa de actos do mes do comercio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Santiago.
Foi unha pequena homenaxe a este sector tan fundamental para a vida da cidade, tanto que a propia Compostela e os seus veciños non existirían de non ser polo esforzo permanente dos comerciantes que trouxeron os alimentos, as ferramentas, as roupas, etc. En fin, todo o necesario para a vida.
Constituíu tamén un primeiro intento por localizar e valorizar o patrimonio ligado a esta actividade económica. A pesares da limitación dos espazos de almacenamento, da fugacidade das modas ou mesmo, do paso das xeracións e os tempos, son moitos os establecementos que conservan os testemuños do seu pasado. Nas nosas vitrinas ou a través de fotografías puidemos ver unha pequena mostra.

A HISTORIA VAI A VILLESTRO

Hoxe ten lugar a inauguración da exposición correspondente á parroquia de Villestro dentro do proxecto “A historia vai por barrios” desenvolvido pola Rede de Centros Socioculturais de Santiago. É unha mostra un tanto distinta das outras xa que Villestro tamén é diferente; a súa historia e os obxectos das vitrinas traen a memoria do rural compostelán, aquel que durante séculos alimentou á cidade coas rendas dos foros e cos produtos que chegaban ao mercado.
Como ben afirma o tríptico que acompaña ao proxecto, os barrios de Santiago son como irmáns teñen algo en común pero tamén son diferentes.