O paso do tempo reflíctese nas paisaxes urbanas pola presenza de espazos, edificacións e costumes que aportan a barrios e rúas unha persoalidade diferenciada que fala de feitos, proxectos e sonos, presentes e pasados. De todos eles podemos tirar conclusións das que aprender e valores que interiorizar.
Con todo, é curioso ver como só os lugares considerados monumentais ou históricos polos académicos ou xestores turísticos merecen unha posta en valor ou un esforzo de recoñecemento. É evidente que, ao comparalos, os barrios e rúas de moitas vilas e cidades non deixan de ter un «valor artístico» secundario pero non é menos certo que poderían ser obxecto dunha atención máis concreta da que se derivarían beneficios non só económicos senón tamén sociais.
Prazas e barrios teñen moitas veces unha monumentalidade diferente, a que nace do día a día, da convivencia e das rutinas e necesidades cotiás e é esa ausencia de grandes fitos, a interiorización desa paisaxe popular que non se apreza porque forma parte da vida e da memoria da veciñanza o que leva á súa frecuente minusvaloración.
A súa posta en valor leva consigo non só unha percepción máis positiva do espazo cotián por parte das xentes que alí viven senón que tamén pode servir de inicio a dinámicas beneficiosas como a sensibilización sobre a necesidade de conservar e protexer esas zonas ou un apoio ao tecido económico local a través do desenvolvemento de iniciativas turísticas sustentables e de baixo impacto.
Estas son as forzas que moveron este pequeno proxecto dun Roteiro polo Barrio de San Pedro de Santiago de Compostela, que ten o privilexio de incorporar no seu territorio espazos patrimoniais catalogados dobremente Patrimonio da Humanidade: é un barrio histórico da cidade de Santiago atravesado polo máis antigo e recoñecido dos Camiños de Peregrinación a Compostela, o Camiño Francés.
É un barrio singular, recoñecido pola súa forte identidade e dinamismo, que conta cun patrimonio construído que podería cualificarse como un tanto insólito por canto nel conviven espazos e edificacións dunha monumentalidade innegable (como o Centro Galego de Arte Contemporánea ou o complexo de San Domingos de Bonaval) ao carón de vivendas populares, rúas de labiríntico trazado ou dun dos cruceiros máis antigos de Galicia.
Foi decisión da Asociación Veciñal poñer en valor este legado para que a veciñanza puidese velo con outros ollos, para dignificalo e para facer del un recurso co que apoiar ao tecido económico e as labores de protección e conservación.
Un esforzo meritorio digno de ser imitado, tanto na filosofía que o move como no resultado final co que nos colaboramos e que nos gustaría tivese continuidade.