O «making off» do Tesouro de Francisco Asorey

O TESOURO

Hai uns meses, traballando nun proxecto de dinamización do comercio compostelán atopamos unha entrevista a Manuela Sánchez a muller que serviu de modelo para a moza de O Tesouro, unha das obras máis coñecidas do escultor cambadés Francisco Asorey. Este primeiro Día das Artes Galegas, aínda que dedicado ao Mestre Mateo, é unha boa oportunidade para dar a coñecer esta curiosa perspectiva dunha das pezas senlleiras do noso patrimonio artístico.

 

Conta Manuela Sánchez, que en 1955 estaba xa casada e vivía en Montevideo, que o escultor fixouse nela un día de 1925 cando se cruzaron en San Roque. Ela traballaba por alí, como costureira ganando un xornal de 5 reais diarios; el tiña o seu estudo nas proximidades.

A inspiración foi instantánea pois aínda non chegara ao obradoiro cando lle chegou recado de que Don Paco quería que fora a modelo dunha das súas obras. Para a moza a proposta era insólita pois non sabía ben en que consistiría o oficio pero o artista era ben coñecido e querido no barrio asi que aceptou. Iso si, iría acompañada dunha muller maior, para calmar os medos da familia.

Durante tres meses acudiu diariamente ao estudo do escultor e ao cabo, naceu esta obra icónica da nosa cultura.

Podedes ler a entrevista completa que lle fixeron a Manuela en La Noche.

E revisar a obra do escultor da Raza na web da Asociación Cultural Francisco Asorey