25N. Aos ollos de dehistoria

p044_0051

Cada día pasan polas nosas máns un feixe de documentos históricos, a maioría relativos a situacións e lugares cotiáns. Asuntos alegres ou tristes, todas as cousas da vida teñen acollida nun escrito público ou privado e no traballo da Historia é doado dar con elas.

Un deses temas que de cando en vez agroma nos papeis é o da violencia machista.

E é curioso porque o atopamos en escritos e libros dos séculos medievais e modernos, que son os que mais miramos nestes últimos meses (polos encargos que temos).

Dado que acostumamos a pensar neses tempos como violentos e, desde logo, nada dados a igualdades e feminismos, porqué chaman a nosa atención estas referencias? Pois por unha banda porque a maioría fan alusión ás historias de mulleres que presentaron denuncia ante a xustiza e por outra porque os textos deixan ver que xunto ao silencio complice dalguns había tamén reproche social a estes comportamentos. Si, os antigos nunca deixan de sorprendernos.

Pode que as solucións que as sociedades antigas daban á violencia exercida ás mulleres non sexan satisfactorias aos nosos ollos, pois estaban dentro das súas lóxicas legais e culturais, pero isto non quere dicir que fosen tolerantes con estes comportamentos. Antes ao contrario.

Poñamos un exemplo, Xoán Afonso de Tenorio, mercador ourensán, foi condeado en 1465 a recoñecer públicamente que batera repetidamente á súa muller e tivo que ofrecer bens que avalasen o seu compromiso de non volver a facelo; so así Elvira Rodríguez volvería con el. Pode parecer un castigo leve pero o certo é que a condena pública e a fianza deberon marcar a este home de por vida nun contexto social e económico pechado, como é o dunha vila galega medieval.

Asi pois, había homes que batían nas mulleres pero é evidente que a vida penada -como a chama o documento- de Elvira non era abertamente consentida pola súa comunidade.

Isto vemolo tamén en contextos de violencia extrema e xeralizada, como os tempos previos á Guerra Irmandiña. Daquela Tareixa Gómez obtivo unha importante sentenza ao seu favor. Denunciou en 1458 a Xoán -criado de Xoán de Novoa, fidalgo- porque estando ela mansa et segura e non fasendo mal nen nojo a persoa alguna, porque mal devese reçeber, el mencionado Juan aderençara a ella et a tomara por los cabellos e a levara arrastro por dormir con ela. Foi o seu valor á hora de facer a denuncia e o compromiso das testemuñas (2 homes) o que condenou ao criado.

E coma estes, hai moitos casos nos documentos galegos, que falan dunha lacra social que aínda que exista de sempre non foi consentida por sistema, e disto temos que tirar exemplo.

Tamén hai noticias -máis dispersas polo tipo de documentos que manexamos non porque non sucederan- a situacións de acoso, violacións e mesmo asesinato, dentro dos ámbitos máis cotiáns. Aquí, denunciar era máis dificil pois ao careceren de plena capacidade legal, as mozas e mulleres casadas non podían acudir aos tribunais directamente pero tamén hai historias que son exemplo aínda hoxe.

Coñecemos, por tanto, só algunhas das historias de vida marcadas pola violencia, a desigualdade e o machismo e podemos recuperar algunhas noticias dispersas, ás veces pouco máis que un nome e un suceso.

Así a lectura destes documentos deixa un sabor agrio e o corazón encollido. Temos os nomes e as historias e podemos imaxinar outras cousas delas pero pouco máis temos para render homenaxe á resiliencia, memoria e coraxe destas mulleres ou para traer ao presente historias como a de Catarina de Lermo, veciña da parroquia de San Xoán, asasinada en 1568 por Francisco Rodríguez, procurador de causas na cidade de Santiago.

Non podemos evitar a presenza destes feitos nos documentos históricos que hoxe temos, porque o pasado xa pasou. Gustaríanos, iso si, que non estiveran naqueles que queden da nosa sociedade, que o noso tempo estea connotado por un comportamento alleo aos nosos valores. Está na nosa man.