No Entroido, licor café e augardentes

foto augardenteiroLicor café e bica conforman durante o Entroido un tándem clásico de moitas comarcas galegas; outro tanto poderíamos dicir da augardente e o café e o as herbas e un xantar copioso.

Uns teñen unha longa historia entre nós, outros son máis recentes pero é evidente que forman parte deses momentos cotiás que, como comunidade, repetimos xeración tras xeración. Lonxe quedaron os tempos dos poteiros itinerantes, das potas de barro e de bebidas loubadas na nosa literatura como o rosolí.

Hai un tempo que dehistoria investigou, a petición do Consello Regulador Augardentes e licores tradicionais de Galicia, a historia destas bebidas espiritosas. Alí aprendimos cousas curiosas e ben interesantes e puidemos desfacer algúns mitos asentados como que en Galicia non se destilaba antes de mediados do s. XIX.

Hoxe queremos compartir con vós unhas breves notas tomadas daquel informe e incorporalas á nosa Factoría dehistoria para que as leades e compartades; organizamos os materiais por especialidades, para que podades centrarvos naquela da vosa preferencia 😉

 

 

Cuestións triviais (4): Un tren sae de Zaragoza…

Khayyam

Un mensaxeiro é enviado dunha cidade a outra que está a 400 millas, avanza cada día 20 millas; outro mensaxeiro é enviado 15 días despois e debe alcanzalo á entrada da cidade, de xeito que entren nela a un tempo. Cantas millas ten que facer este cada día?*

Este sería un equivalente medieval ao clásico problema de matemática escolar e foi formulado no Liber mahameleth xa a mediados do século XII. O tratado é un dos máis completos que se conservan da matemática medieval e mesmo é anterior ao do famosísimo Fibonacci (o citado no Código Da Vinci).

É unha obra en latín basada nas investigacións (de altísimo nivel) dos matemáticos de Al Andalus que bebían á súa vez o coñecemento acumulado polos grandes científicos do Islam. Grazas a estre tratado, que dispoñibilizou o coñecemento dos matemáticos árabes á lingua franca da ciencia cristiana, chegaron a Europa conceptos e procedementos de álxebra, xeometría…

O Liber Mahameleth ten ademáis unha fonda vocación práctica presentando ao público unha morea de conceptos matemáticos a través de situacións comúns que, en certo modo, chegaron ata nós na forma dos clásicos e lembrados problemas escolares. Hai pouco foi presentada a edición «definitiva» da obra, reconstruída a partir dos tres mellores manuscritos conservados; a lectura do índice da boa idea da aplicación das matemáticas á vida diaria: comprar e vender, cambio de moeda, contratación de portes, capacidade de cisternas, escalas de xornais… e a lectura do texto (coa súa tradución ao inglés nesa edición) dan unha e mil imaxes da aplicación do cálculo á vida nos tempos medievais.

 

 

 

 

Oferta: Explora a túa historia familiar a partir de 100 €*

abuelosMoitos dos nosos amigos e clientes expresan a miúdo a súa curiosidade polos detalles da vida dos nosos avós e avoas, o seu interese por elaborar a súa árbore xenealóxica ou a ilusión que lles faría coñecer mellor os pormenores da súa historia familiar (profesións, contextos, lugares, etc.)

Cando a historia familiar se entende como algo máis que a xenealoxía da liña paterna (que é o máis comúnmente feito) vemos como aparecen ante os nosos ollos, con moita claridade as parentelas, os oficios, os testamentos,  os lugares … mesmo eses obxectos arrinconados en armarios e faiados teñen outro significado.

Por isto, e visto que entre a nosa clientela o deseño da árbore xenealóxica é un encargo preferido para ocasións especiais como o Día do Pai ou da Nai, encontros familiares e cousas similares (que sempre hai motivo para unha festa e un agasallo) queremos ofrecervos a posibilidade de comezar esa aventura.

Canto pode costar un traballo así? É imposible dicilo a priori, pois a investigación pode alongarse tanto como a túa propia curiosidade; o que sí podemos ofrecervos é un «bono» por valor de 100 € que, para aquelas familias procedentes da maior parte das freguesías da diócese de Santiago, cunde moito.

Queres saber se a túa parroquia está entre esas que poden beneficiarse desta oferta? Consulta na web do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago  e  se os libros están aquí, estás de sorte, ponte en contacto con dehistoria e te axudaremos.

 

* IVE non incluído (21%)

Hai cen anos: Tregua de Nadal

Christmas_Truce_1914En breve celebraremos o centenario da chamada Tregua de Nadal, un alto -breve e informal- na I Primeira Guerra Mundial no que os soldados dos dous bandos compartiron comida, oracións e sentimentos.

Non foi en todas as frontes, nen ao mesmo tempo; algúns mesmo xogaron tamén un partidiño de futbol. En ningún caso tiveron autorización dos altos mandos, desconfiados do resultado da confraternización.

Este foi, sen dúbida, un deses episodios que amosan o lado humano dos conflictos bélicos. Esta guerra, que ía a ser a máis rápida, é tan próxima a nos -no tempo e na mentalidade- que conservamos moitísimos testemuños non só dos mandamases senón tamén dos soldados e dos civís e é doado comprender o seu medo, cansanzo, morriña…

Con motivo do centenario, un senfín de proxectos nos axudan a achegarmonos a aquela guerra e ao seu tempo. Podedes aproveitar estes días para curiosear neles: tendes filmes recuperados, cartas (en vista panorámica ou mesmo a recompilación completa das que pertencen a un só soldado) ou fotos.

E, por suposto, a sempre panorámica pero completísima Wikipedia, mais completa en inglés; e o magnifico site dos arquivos públicos británicos con todo tipo de materiais e o da Biblioteca Virtual Europea (Europeana) con achegas de moitos paises.

Finalmente, e ao fío de como un acontecemento histórico pode usarse para empoderar unha marca comercial, deixamosvos con este anuncio, premiado como o mellor do ano no UK.

Bo Nadal a todos e todas e os nosos mellores augurios para o 2015

10 anos, 100% de éxitos

logotartaUnha parte pouco coñecida do noso traballo é a elaboración de estudos históricos a medida. A nosa clientela buscanos para apoiar reclamacións ante a xustiza, dignificar tradicións locais ou xustificar dereitos históricos ante as administracións.

Asociacións xestoras de montes comunais, agrupacións de produtores, entidades veciñais, concellos, particulares…podemos exhibir con orgullo unha ratio dun 100% de éxito de efectividade dos nosos servizos.

Grazas aos nosos informes foi posible, por exemplo, probar e legalizar fronteiras históricas entre comunidades de montes, salvar da piqueta algunha vivenda fidalga mediante a súa declaración como BIC, recuperar e renovar dereitos antigos sobre augas ou camiños, consolidar e protexer tramos históricos do Camiño de Santiago …

O documento histórico é proba tanto nos tribunais como na administración. Pero falamos de asuntos serios e, ás veces de moito diñeiro, asi que aquí non valen as ocorrencias nin as historias enredadas. Unha investigación científica e rigorosa é o que permite achar as escrituras axeitadas e a súa contextualización e interpretación acaída. É así que os escritos e os informes periciais acadan o seu valor de testemuño irrefutable con valor efectivo.

Velaí a clave do noso traballo: 100% científico=100% exitoso